Blogia

Recursos educativos para mestres

Por que usar software libre?

En primeiro lugar por unha cuestión de principios, de valores, de coherencia.  Na sociedade conviven multitude de valores (todos os que poidas imaxinar). E hai valores que se complementan, que se reforzan reciprocamente, e outros que chegan a ser contraditorios entre si. Iso depende un pouco do modelo de sociedade que domine, dende modelos máis... chamémoslles de mercado, que priorizan o ben persoal (mirar polo propio interese: a competitividade, o individualismo...), ata outros máis sociais, que priorizan o ben social (mirar algo máis polo ben de todos/as: a solidariedade, a colaboración,...)  Os dous existen e non se poden negar. Pero SI que se poden priorizar. E a escola pode posicionarse (se os profesores parten dunha visión crítica da realidade social na que viven).

Nisto das TIC non existe neutralidade en valores. É como a vida mesma. A opción elixida encaixa mellor dentro dun sistema de valores, e axuda a reproducir eses valores. Se non o fai a través do currículo explícito faino a través do currículo oculto. Se non o fai a través das nosas actuacións conscientes faino a través das nosas actuacións inconscientes. O currículo oculto é algo equivalente á publicidade subliminal. Non é coherente, por exemplo, que un profesor ou profesora defenda o uso da lingua galega e a súa promoción social, e ao mesmo tempo utilice todo o software en lingua castelá. O neno/a aprende (subliminalmente, inconscientemente...) que a lingua castelá é a que vale, pois úsase case en exclusiva nos ordenadores, que por certo, tamén representan a modernidade e o futuro na escola.

A COHERENCIA para min é un supervalor. Sen non existe coherencia nos valores persoais a vida poder ser como un barco á deriva, a mercé do vento e das correntes. A coherencia marca un rumbo, un camiño, e cando esa dirección está clara os obstáculos convértense en estímulos para superalos.  Por iso a coherencia interesa que sexa o máis consciente e crítica posible.

Nisto do software hai 2 camiños:

1. Microsoft, windows, word, explorer... representan ao software privativo. Unha empresa o elabora e ofrece os seus servizos a quen lle pague o convido. Encaixa co modelo de mercado. Aquí a liberdade enténdese como a capacidade de usar o software que lle apeteza a cada quen e que esté dispoñible nese mercado.

2. Linux, openoffice, firefox... son exemplos do software libre. Elaborado por unha comunidade de persoas ou empresas presentes na rede e que o distribúe para que o poida utilizar quen queira libremente. Simbolizan a solidariedade, a colaboración desinteresada. E tamén a liberdade, pero entendida esta non como un libre capricho, senón como unha conquista persoal. Neste caso, a conquista do coñecemento, que realmente é o único que nos fai libres.

Por que case todo o mundo utiliza microsoft?  Para min só hai unha explicación. Descoñecemento xeral. Só o utilizan con consciencia ideolóxica ou utilitaria algo así como... vamos dicir que o 20% dos usuarios. O resto... unha pena... descoñecemento, ausencia de crítica... non eliximos, comemos o que nos puxeron no prato e punto.

Por que Microsoft está por defecto no prato?  Porque hai que recoñecerlle o mérito que na década dos 90 impulsou o acceso dos ordenadores aos usuarios medios. Deseñou un sistema operativo e unhas aplicacións ofimáticas de fácil uso.  Nesa época o software libre era cousas de universidades, de xente ilustrada.  Desa maneira cuase monopolizou o mercado do sofware, e as administracións, entre elas as educativas firmaron contratos polas licenzas, ás que hoxe seguen atadas.

Pero dende hai uns anos as cousas van cambiando moi á presa, e hoxe, o software libre é unha alternativa perfectamente válida en multitude de situacións, entre elas a escolar. Ofrece un sistema operativo máis fiable que o de windows e unhas aplicacións máis que suficientes para uso escolar (e tamén empresarial). E todo iso de forma libre e gratuita. Actualizado sempre na última. Mil veces máis personalizable que o windows, e con tuneado* máis vistoso. Con comunidades en internet que ofrecen todo tipo de axuda para solucionar calquera problema co ordenador.

Sendo así... eu négome a traballar para microsoft (e aproveito para facer un chamamento a todo aquel/a que se solidarice con esta causa). Entre outras cousas, porque non estou na súa plantilla, non me pagan un euro por axudar aos usuarios do seu software a resolverlles as dúbidas que se lles presentan, e que son moitas, moitas,... Que os formen eles! Acaso microsoft non gana millóns a patadas!

Así que te animo para que te pases á comunidade do software libre. Nela domina unha compoñente idealista forte, aos seus membros non lles vai importar usar o seu tempo para axudarche, e contigo somos máis fortes :-)

*tuneado:  o equivalente tic a poñer guapo un coche, unha casa...

PAra saber máis:  http://phpwebquest.org/wq25/webquest/soporte_tablon_w.php?id_actividad=64821&id_pagina=1

Máis sobre software libre en Galicia, na web de Mancomún.

E para rematar, unha guía completa sobre software de fontes abertas, publicada por CENATIC.

Foro Mundial de Educación, en Compostela no 2010

Na páxina web: www.foro2010.org podes atopar ampla información sobre este evento que terá lugar en Santiago de Compostela entre os días 9 e 13 de Decembro de 2.010, coincidindo co Xacobeo.

Trátase dun Foro Mundial de Educación (FME) temático sobre "Educación, investigación e cultura de paz". O FME está adscrito ó Foro Social Mundial (FSM), que é o referente internacional do altermundialismo.
 
    O Comité Organizador constituiuse o 28 de Marzo de 2008 e presídeo D. Federico Mayor Zaragoza e nel están representados os principais centros de educación e investigación para a paz do estado español e de Portugal.

    Poderás atopar toda a información na páxina citada e nela xa é posible adherirse on line, tanto individual como colectivamente, como entidade, departamento, colexio, instituto, fundación...

Información facilitada polo SGEP

O fracaso escolar (Documentos RNE)

Enlazo o seguinte programa de radio dedicado ao fracaso escolar, fenómeno que en España exhibe dimensións inquietantes. O documental mostra os seus efectos, e cómo intentaron paliar esta lacra os diferentes Gobernos que deseñaron os sistemas educativos desde fai máis de 100 anos.

 

(Se non visualizades o reprodutor de son pinchade aquí)

Enlace facilitado por APOEGAL

Palestina e Israel

Unha historia de odio, vinganza e sinrazón.

O pobo xudeu foi masacrado polo nazismo e aínda non superou ese trauma. O odio e o desexo de vinganza segue cautivo no seu corazón. Esqueceu que é un pobo cultivado, rico, poderoso, en gran parte grazas á axuda da comunidade internacional, que lle ofreceu un territorio e os recursos materiais precisos para medrar. Actúa como un pobo afundido na miseria, temeroso da súa persistencia, perseguido polos seus fantasmas. Esqueceuse de que os poderosos tamén deben ter responsabilidade moral, e unha visión ampla da realidade, e ser capaces de proxectarse no futuro. Debería saber que a violencia só enxendra violencia, que é a miseria a que conduce á desesperación. Os seus líderes políticos perderon a visión de futuro, do futuro que están construíndo. Mañán os seus bisnetos, os seus tataranetos...  seguirán mantendo esta posición de privilexio? No caso contrario, que clase de futuro lles espera? O dos verdugos ou o das vítimas? Xa vemos que a Historia dá voltas.

É xustificable no seo dunha sociedade moderna e rica, que se unha familia numerosa ten un fillo que se descarría e fai mal a outros, eses outros veñan cun avión e deixen caír unha bomba enriba da casa, para que non quede rastro nin da casa, nin do pai, nin da nai, nin do avó, nin da avoa, nin dos fillos, nin dos netos...? É esa a herencia do progreso moral da humanidade? Ou é unha regresión á barbarie, tal como a barbarie nazi?

Pobo de Israel: eres rico e poderoso. Ese é o teu privilexio. E debes estar agradecido. Ese privilexio dache a responsabilidade de construír, non de destruír (calquera miserable pode facelo). Construír un presente e un futuro dignos, para ti e para a humanidade. Debes ser xeneroso, máis aínda se cabe, pois é a xenerosidade  quen fai amigos, non a crueldade.

Para ampliar información engado esta excelente presentación recollida no blog Trafegando Ronseis. Ademais dunhas expresivas viñetas, recolle textos periodísticos de Luisa Morgantini: A nuestros líderes políticos , Mario Vargas Llosa: Morir en Gaza e o periodista israelí Gideon Levy, entre outros.

Recomendo visualizala no modo pantalla completa (icona da esquina inferior dereita)

Tamén podedes vela aquí.

Un artigo máis no diario El País de Sami Naïr: O Gernika dos palestinos

Súmome á manifestación en Compostela o domingo día 18 ás 12:00 na Alameda.  Máis información  no blog Dalle un coliño.

Mapa conceptual do software libre en galego

Noticia recollida en Mancomún

A xente da Oficina de Software Libre da USC traduciu ao galego o Mapa Conceptual de Software Libre de René Mérou, mantedor de paquetes de Debian. Esta tradución engadirase ás outras nove traducións existentes para completa-la decena.
https://xosevidal.blogia.com/upload/externo-999fe29f9de3fe61fc9668c76ef7aacf.png

GALINUX: novo sistema operativo libre, gratuíto e en galego

Noticia recollida en MANCOMÚN

Fernando Blanco presentou hoxe o sistema operativo, unha iniciativa desenvolvida por Mancomún, o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza, en colaboración coa comunidade galega de software libre.

Galinux, un completo sistema operativo de fontes abertas configurado para facilitarlle, a todos os galegos e galegas, o uso do seu computador integramente en galego e con aplicacións informáticas libres e gratuítas.

Baseado en Ubuntu, ademais de tódalas funcionalidades típicas dun sistema operativo, incorpora os principais aplicativos, como o popular navegador web Firefox, as aplicacións de ofimática incluídas no OpenOffice.org (procesador de textos, folla de cálculo ou presentacións multimedia), un corrector ortográfico en galego, clientes de correo electrónico, un programa de retoque fotográfico de alta calidade, aplicación de mensaxería instantánea, reprodutores de son e vídeo, gravador de CD e DVD, etc. Todos eles en galego e con actualizacións permanentes.

Podédelo descargar dende aquí

Non é verdade (manifesto pedagóxico)

Invítovos a ler o seguinte manifesto, elaborado polo equipo da rede IRES (Investigación e Renovación Escolar) que pon en evidencia unha visión simplista e pouco rigorosa que certos sectores mediáticos insisten en manter sobre a escola e sobre os procesos que nela teñen lugar.

Comeza do seguinte xeito :  "As organizacións e persoas que asinamos este Manifesto (docentes, nais, pais, estudantes e cidadanía en xeral) estamos profundamente preocupados pola difusión de crenzas sobre a escola española que distorsionan gravemente a realidade. Estase a xeneralizar unha forma de pensar segundo a cal se di hoxe que na escola se ensinan poucos contidos, se fan actividades irrelevantes, os niveis de esixencia baixan, os alumnos e alumnas son peores cós de antes e hai “moita pedagoxía” e pouca ensinanza."

Podédelo seguir lendo na web de rede IRES

Enciclopedia básica da cultura popular portuguesa

Ideal para conhecer a cultura popular do noso país vecinho.

Amizade e mellora da autoestima

Filosofía De Vida
View SlideShare presentation or Upload your own. (tags: vida)

Foro Social Galego (FSGal): 5 de decembro en Compostela

O Foro Social Galego (FSGal) é un espazo aberto de debate democrático de ideas, de afondamento da reflexión, formulación de propostas, intercambio de experiencias e artellamento de movementos sociais, redes, ongs e outras organizacións da sociedade civil que se opoñen ao neoliberalismo e ao asoballamento das persoas fronte ao capital e que denuncian calquera forma de imperialismo. O lema do FSGal é: Pensar e construír alternativas desde Galiza.

O FSGal terá lugar en Santiago de Compostela (Auditorio de Galiza, Burgo das Nacións e Facultade de Filoloxía) os días 5, 6 e 7 de decembro de 2008, un mes antes da celebración do Foro Social Mundial que este ano terá lugar en Belém do Pará en Brasil.

10 de decembro: Dereitos humanos

A páxina web  do Seminario Galego de Educación para a Paz dedica un apartado de dereitos humanos  repleto de propostas, documentación, bibliografía, videos, textos, xogos, contos, artigos... mesmo incorpora a posibilidade de ir complementando os contidos coas nosas achegas, facéndoa interactiva.

Queda un mes para o 10 de Decembro, 60 Aniversario (1948-2008) e, polo tanto, hai que ir preparando a conmemoración.

Jueduland

Repositorio de xogos educativos interactivos online e unha ampla selección de enlaces a outras webs.

Ubuntu 8.10, Intrepid Ibex, lista para descargar

Outra nova oportunidade para dar o salto a Linux e ao mundo do software libre.  Vas deixala pasar?

Podes ver as súas principais novidades en MuyComputer.

Podes descargar a versión axeitada para o teu ordenador dende a web de Mancomún

Libros de texto e tarefa docente

Aproveito para recomendaros un libro, de LILIANA CARBÓ E VICENT GRÀCIA, O mundo a través dos números, Lleida, Editorial Milenio, 2004

No seu Capítulo 1. “Sensacións e sentimentos arredor das matemáticas” ( Páxinas 27 a 28), dedícalle unhas páxinas á análise da función dos libros de texto nas escolas, nunha perspectiva crítica. Paréceme proveitoso recollelo aquí e sometelo á vosa valoración. Grazas.

(...) Respecto do valor dos libros de texto, na maioría dos lugares os libros de texto son o centro da tarefa docente. Martínez Bonafé (2002) realizou un estudo sobre os textos españois e a súa implantación no contexto educativo, como un potente “dispositivo que pon en relación o poder co saber” (páx.16), “un dispositivo privilexiado das políticas de control, unha forma unívoca de falar desde o anonimato, creado especificamente para a escola” (páx. 25).

Con respecto ás matemáticas, Bishop establece como “moitas clases de matemáticas en todo o mundo son testemuño da subordinación do ensino e dos docentes nos libros de texto e de feito, son moi poucos os ensinantes que rexeitan os textos. Pero, de quen son estes libros? Quen os escribe? Para quen e para que? Coñecen os seus autores aos alumnos que os usarán ou aos mestres que se basearán neles para ensinar? Aceptarán os autores ser os responsables dos nenos que non aprendan?” (páx. 28) Os libros controlan todo o proceso: os contidos, a nós mesmos, ao alumnado, o que debemos avaliar...Este control impídenos que poidamos ter en conta as diferenzas que hai entre os nosos alumnos e podelos axudar de forma eficaz.

Bishop defende a idea de sistemas que non “estean baseados en libros de texto e formar ao profesorado para que non dependa deles. Habería que deixar que os ensinantes controlasen os materiais e non ao contrario e demostrar que a responsabilidade do ensino é do profesorado e non do texto (...) O que o ensinante necesita non é un texto, senón experiencias e recursos que contribúan ao desenvolvemento dos seus alumnos e as súas alumnas. O que de verdade necesita o alumnado non é un texto, senón unha contorna de aprendizaxe apaixonante e cálida, comprensiva e intelectualmente estimulante” (páx 29).

Ningunha das partes do proceso necesita textos. Pero os libros son tan dominantes que, como apunta Martínez Bonafé, “ningún axente social os cuestiona” (páx. 37) e as súas propostas céntranse en solicitar a súa gratuidade, pero non de valorar a súa calidade ou a conveniencia de facer deles o centro da tarefa docente. Por todo isto, nós pensamos que non é certo que, como os libros de texto están escritos por expertos, teñen que ser bos. “Os redactores destes textos adoitan presupoñer con moita arrogancia que o seu nivel de competencia é superior ao do profesorado (e por suposto ao do alumnado). Isto coloca ao docente nunha posición subordinada e, en última instancia, desestima as súas aptitudes e a súa profesionalidade” (Bishop, páx. 30)

Tampouco pensamos que a tarefa do docente sexa ensinar matemáticas, senón ensinar a persoas, co cal os libros de texto tampouco serven. O libro oriéntase a un alumnado “xeneralizado” que non é real. “As matemáticas que se ensinan preséntanse coma se estivesen libres de valores. Como están deshumanizadas, despersonalizadas e descontextualizadas (¡por suposto!) crese conveniente eliminar todas as referencias aos valores e a outros aspectos relacionados coa cultura, co fin de que, supostamente, as matemáticas conserven a súa pureza” (páx. 31) Cos libros, o ensinante pasa a ser un simple “mecanismo de impartir contidos”. (...)

(A letra en negriña non vén no orixinal)

Linux conquista América Latina

Os gobernos suramericanos impulsan o uso de software libre fronte ao propietario buscando independencia tecnolóxica, seguridade e desenvolvemento local.

O aforro de diñeiro que supón non pagar licenzas polo uso de programas privativos non é o motivo principal do cambio. As razóns que dan os distintos Gobernos son:

1. A independencia tecnolóxica fronte ás empresas multinacionais,

2. A seguridade que ofrece o software libre ao permitir ver o seu código e,

3. O interese en desenvolver una industria informática local.

Ver noticia no diario

OpenOffice 3.0 en galego

Na web de Mancomún fanse eco do grande éxito de descargas de OpenOffice 3.0 

"Nun blogue oficial de OpenOffice.org dan conta da loucura de descargas desatadas, que provocou a caída do servidor o día do lanzamento, do que xa nos fixemos eco no seu día. O pico de descargas produciuse o día 14, con máis de 600.000, sendo o total acumulado da primeira semana máis de tres millóns de descargas e que na actualidade xa supera os 5 millóns."

Podedes descargalo en galego neste enlace na web de Mancomún.

Orella pendella: blog de ditos, recitados e cancións infantís

Na lingua galega hai infinidade de ditos, recitados, cancións, etc. que acompañaron desde hai séculos as brincadeiras dos/as nenos/as ou as relacións entre os membros maiores da familia e os máis pequenos.

Este excelente blog ten por pretensión difundir a literatura popular infantil de Galicia para que siga sendo unha ferramenta educativa e de lecer para os/as galegos/as do século XXI. 

Parabéns :-)

O dereito a soñar (Eduardo Galeano)

 

Se non se ve aquí podes velo na páxina de youtube

Xentileza de Alba Guiño

Como facer un Plan de convivencia

1. Para quen teña pouco tempo e poucas ganas de investigar: probade con este Plan de Convivencia, feito en galego, despois de contrastar 3 ou 4 plans que andaban pola rede e darlle algún que outro retoque. Non está mal para ter un punto de referencia.

2. Para quen dispoña de máis tempo e ganas: presentamos aquí algunhas experiencias destacadas que nos permitan recoller ideas sobre como mellorar a convivencia nun centro educativo, e de paso como facer o plan de convivencia. A maioría deles obtiveron premios nas convocatorias do MEC de boas prácticas en conviencia nos anos 2006 e 2007.

Fai falta usar un pouco do voso tempo en botarlles un vistazo:

  • Para CEIPs:

1. CEP Zamakola, en Bilbao, primeiro premio de boas prácticas en convivencia na convocatoria 2006 do MEC (o patio escolar como espazo educativo, alumnos mediadores, adostoki...)

2. CEIP Andalucía, en Sevilla, segundo premio. Plan de Convivencia.

1. CEIP SANT JORDI. (SUBIRATS, BARCELONA). 1º premio 2007

2. CEIP LA INA. Xerez da fronteira, Cádiz, 2º premio  2007

  • Para os IES:

1. IES Portada Alta, de Málaga, 1º premio polo MEC en 2006 (levan adiante aulas de convivencia, mediación...)

2. IES Carlos Casares, de Ourense, 2º premio, cun programa de mediación escolar. Ver historia do proxecto.

1. IES LA CALETA, Cádiz, 1º premio 2007 (o alumno/a axudante, mediación...) Podedes ver a memoria do seu proxecto.

2. IES GALILEO GALILEI. ALCORCÓN (MADRID), 2º premio 2007. Vídeo en youtube.

Tamén hai persoas que levan a iniciativa nisto do tema de convivencia, como por exemplo:

Nélida Zaitegui: Inspectora de Educación e membro do CEI-IDC (Bilbao). Ten este artigo publicado na rede. Nel, entre outras cousas enumera unhas estratexias e instrumentos de xestión da aula:

   - Normas: poucas, claras (que expresen a conducta desexada, non a prohibida)...
   - Xornadas de inicio de curso
   - Comisión de convivencia
   - Asemblea de centro-aula
   - Recuncho do silencio e o pensamento
   - Contrato

Tamén a podedes ver nalgún vídeo, como este das Xornadas de boas prácticas 2007, da C. de Madrid.

María José Díaz-Aguado: Catedrática de Universidade en Psicoloxía da Educación. Este é o seu blog. Aquí pautas para a prevención de conflitos.

A maiores, a min tamén me gustan estes enlaces:

. Materiais para a convivencia escolar e a mediación educativa. A máis completa que coñezo.

. Experiencia en mediación no IES Valle de Aller, en Asturias.

 Máis artigos na sección de Convivencia deste blog. e na sección de enlaces.

Blogs: algunhas aplicacións educativas

Unha definición breve:  Un Weblog (do inglés web + log), blog, bitácora ou blogue é unha páxina web onde hai mensaxes ou publicacións ordenadas cronoloxicamente escritas por unha ou varias persoas, sobre un tema en particular a modo de diario on-line (Wikipedia galega).

Os blogs, dentro do campo educativo, poden ser de varios tipos:

1. Blogs de centro:

Ceip A Rúa : participamos todos, con blogs de aula e profesores, rexístrase unha memoria das actividades máis significativas realizadas no centro.

2. Blogs de aula:

Participa máis o alumnado: un exemplo de blogs de prensa-escola,  e aquí listado de blogs gañadores no curso anterior.

3.Blogs de profes, con repositorio de recursos:

O Blog de Pilar, con recopilatorio de actividades de matemáticas para 3º ciclo.

Recursos para nuestra clase, blog con recursos para o 2º ciclo de primaria, clasificados por materias.

Recursos TIC no 3º ciclo de primaria, de Alberto Armada, recursos para 3º ciclo clasificados por materias.

CEIP Quinta Porrúa: máis recursos.

WIKI Capileiraticrecursos: outra forma de organizar recursos.

GenMagic.org : con repositorio de recursos.

4. Blogs de biblioteca:

Bibliotecadocole: un bo blog de biblioteca do colexio.

O recanto de Mik: outro excelente blog de biblioteca.

5. Blogs do departamento de orientación:

 CEIPs Otero Pedrayo e Mestres Goldar

Guía de información académica e profesional (blog IES García Barbón, Verín)

E así pódese ampliar a clasificación con blogs de ciclos, de áreas, de materias, de dinamizacións, equipos, departamentos...

Para ver máis temos unha clasificación e listado amplo na convocatoria do II premio de edublogs 2008, convocados pola Asociación Espiral, Educación e Tecnoloxía.