Blogia
Recursos educativos para mestres

Libros de texto e tarefa docente

Aproveito para recomendaros un libro, de LILIANA CARBÓ E VICENT GRÀCIA, O mundo a través dos números, Lleida, Editorial Milenio, 2004

No seu Capítulo 1. “Sensacións e sentimentos arredor das matemáticas” ( Páxinas 27 a 28), dedícalle unhas páxinas á análise da función dos libros de texto nas escolas, nunha perspectiva crítica. Paréceme proveitoso recollelo aquí e sometelo á vosa valoración. Grazas.

(...) Respecto do valor dos libros de texto, na maioría dos lugares os libros de texto son o centro da tarefa docente. Martínez Bonafé (2002) realizou un estudo sobre os textos españois e a súa implantación no contexto educativo, como un potente “dispositivo que pon en relación o poder co saber” (páx.16), “un dispositivo privilexiado das políticas de control, unha forma unívoca de falar desde o anonimato, creado especificamente para a escola” (páx. 25).

Con respecto ás matemáticas, Bishop establece como “moitas clases de matemáticas en todo o mundo son testemuño da subordinación do ensino e dos docentes nos libros de texto e de feito, son moi poucos os ensinantes que rexeitan os textos. Pero, de quen son estes libros? Quen os escribe? Para quen e para que? Coñecen os seus autores aos alumnos que os usarán ou aos mestres que se basearán neles para ensinar? Aceptarán os autores ser os responsables dos nenos que non aprendan?” (páx. 28) Os libros controlan todo o proceso: os contidos, a nós mesmos, ao alumnado, o que debemos avaliar...Este control impídenos que poidamos ter en conta as diferenzas que hai entre os nosos alumnos e podelos axudar de forma eficaz.

Bishop defende a idea de sistemas que non “estean baseados en libros de texto e formar ao profesorado para que non dependa deles. Habería que deixar que os ensinantes controlasen os materiais e non ao contrario e demostrar que a responsabilidade do ensino é do profesorado e non do texto (...) O que o ensinante necesita non é un texto, senón experiencias e recursos que contribúan ao desenvolvemento dos seus alumnos e as súas alumnas. O que de verdade necesita o alumnado non é un texto, senón unha contorna de aprendizaxe apaixonante e cálida, comprensiva e intelectualmente estimulante” (páx 29).

Ningunha das partes do proceso necesita textos. Pero os libros son tan dominantes que, como apunta Martínez Bonafé, “ningún axente social os cuestiona” (páx. 37) e as súas propostas céntranse en solicitar a súa gratuidade, pero non de valorar a súa calidade ou a conveniencia de facer deles o centro da tarefa docente. Por todo isto, nós pensamos que non é certo que, como os libros de texto están escritos por expertos, teñen que ser bos. “Os redactores destes textos adoitan presupoñer con moita arrogancia que o seu nivel de competencia é superior ao do profesorado (e por suposto ao do alumnado). Isto coloca ao docente nunha posición subordinada e, en última instancia, desestima as súas aptitudes e a súa profesionalidade” (Bishop, páx. 30)

Tampouco pensamos que a tarefa do docente sexa ensinar matemáticas, senón ensinar a persoas, co cal os libros de texto tampouco serven. O libro oriéntase a un alumnado “xeneralizado” que non é real. “As matemáticas que se ensinan preséntanse coma se estivesen libres de valores. Como están deshumanizadas, despersonalizadas e descontextualizadas (¡por suposto!) crese conveniente eliminar todas as referencias aos valores e a outros aspectos relacionados coa cultura, co fin de que, supostamente, as matemáticas conserven a súa pureza” (páx. 31) Cos libros, o ensinante pasa a ser un simple “mecanismo de impartir contidos”. (...)

(A letra en negriña non vén no orixinal)

0 comentarios