Por que usar software libre?
En primeiro lugar por unha cuestión de principios, de valores, de coherencia. Na sociedade conviven multitude de valores (todos os que poidas imaxinar). E hai valores que se complementan, que se reforzan reciprocamente, e outros que chegan a ser contraditorios entre si. Iso depende un pouco do modelo de sociedade que domine, dende modelos máis... chamémoslles de mercado, que priorizan o ben persoal (mirar polo propio interese: a competitividade, o individualismo...), ata outros máis sociais, que priorizan o ben social (mirar algo máis polo ben de todos/as: a solidariedade, a colaboración,...) Os dous existen e non se poden negar. Pero SI que se poden priorizar. E a escola pode posicionarse (se os profesores parten dunha visión crítica da realidade social na que viven).
Nisto das TIC non existe neutralidade en valores. É como a vida mesma. A opción elixida encaixa mellor dentro dun sistema de valores, e axuda a reproducir eses valores. Se non o fai a través do currículo explícito faino a través do currículo oculto. Se non o fai a través das nosas actuacións conscientes faino a través das nosas actuacións inconscientes. O currículo oculto é algo equivalente á publicidade subliminal. Non é coherente, por exemplo, que un profesor ou profesora defenda o uso da lingua galega e a súa promoción social, e ao mesmo tempo utilice todo o software en lingua castelá. O neno/a aprende (subliminalmente, inconscientemente...) que a lingua castelá é a que vale, pois úsase case en exclusiva nos ordenadores, que por certo, tamén representan a modernidade e o futuro na escola.
A COHERENCIA para min é un supervalor. Sen non existe coherencia nos valores persoais a vida poder ser como un barco á deriva, a mercé do vento e das correntes. A coherencia marca un rumbo, un camiño, e cando esa dirección está clara os obstáculos convértense en estímulos para superalos. Por iso a coherencia interesa que sexa o máis consciente e crítica posible.
Nisto do software hai 2 camiños:
1. Microsoft, windows, word, explorer... representan ao software privativo. Unha empresa o elabora e ofrece os seus servizos a quen lle pague o convido. Encaixa co modelo de mercado. Aquí a liberdade enténdese como a capacidade de usar o software que lle apeteza a cada quen e que esté dispoñible nese mercado.
2. Linux, openoffice, firefox... son exemplos do software libre. Elaborado por unha comunidade de persoas ou empresas presentes na rede e que o distribúe para que o poida utilizar quen queira libremente. Simbolizan a solidariedade, a colaboración desinteresada. E tamén a liberdade, pero entendida esta non como un libre capricho, senón como unha conquista persoal. Neste caso, a conquista do coñecemento, que realmente é o único que nos fai libres.
Por que case todo o mundo utiliza microsoft? Para min só hai unha explicación. Descoñecemento xeral. Só o utilizan con consciencia ideolóxica ou utilitaria algo así como... vamos dicir que o 20% dos usuarios. O resto... unha pena... descoñecemento, ausencia de crítica... non eliximos, comemos o que nos puxeron no prato e punto.
Por que Microsoft está por defecto no prato? Porque hai que recoñecerlle o mérito que na década dos 90 impulsou o acceso dos ordenadores aos usuarios medios. Deseñou un sistema operativo e unhas aplicacións ofimáticas de fácil uso. Nesa época o software libre era cousas de universidades, de xente ilustrada. Desa maneira cuase monopolizou o mercado do sofware, e as administracións, entre elas as educativas firmaron contratos polas licenzas, ás que hoxe seguen atadas.
Pero dende hai uns anos as cousas van cambiando moi á presa, e hoxe, o software libre é unha alternativa perfectamente válida en multitude de situacións, entre elas a escolar. Ofrece un sistema operativo máis fiable que o de windows e unhas aplicacións máis que suficientes para uso escolar (e tamén empresarial). E todo iso de forma libre e gratuita. Actualizado sempre na última. Mil veces máis personalizable que o windows, e con tuneado* máis vistoso. Con comunidades en internet que ofrecen todo tipo de axuda para solucionar calquera problema co ordenador.
Sendo así... eu négome a traballar para microsoft (e aproveito para facer un chamamento a todo aquel/a que se solidarice con esta causa). Entre outras cousas, porque non estou na súa plantilla, non me pagan un euro por axudar aos usuarios do seu software a resolverlles as dúbidas que se lles presentan, e que son moitas, moitas,... Que os formen eles! Acaso microsoft non gana millóns a patadas!
Así que te animo para que te pases á comunidade do software libre. Nela domina unha compoñente idealista forte, aos seus membros non lles vai importar usar o seu tempo para axudarche, e contigo somos máis fortes :-)
*tuneado: o equivalente tic a poñer guapo un coche, unha casa...
PAra saber máis: http://phpwebquest.org/wq25/webquest/soporte_tablon_w.php?id_actividad=64821&id_pagina=1
Máis sobre software libre en Galicia, na web de Mancomún.
E para rematar, unha guía completa sobre software de fontes abertas, publicada por CENATIC.
2 comentarios
Raquel -
Ana -
O currículum está en mans dos libros de texto que, como sabemos, benefician economicamente a uns poucos. As propostas didácticas que aparecen neles priorizan como ti ben dis o individualismo, a competitividade. O/a mestre/a non é autónomo/a pedagoxicamente, fai o que toca ese día sen analizar o currículum oculto que subliminalmente determina nos cativos/as unha disposición para a vida: debo dar a resposta correcta e non cuestionarme nunca a idoneidade da pregunta
Con este panorama, resulta paradóxico que en tódalas programacións se formulen obxectivos de cara á autonomía do alumnado e, como modelo a seguir, sexamos os/as docentes absolutamente heterónomos.
A aprendizaxe que propoñen os textos rara vez é compartida. Falámoslles de dialogar, resolver pacificamente os conflitos e non lles damos espazos para, nin sequera, mirarse ós ollos. Uniformizamos as tarefas, obviando a pluralidade e transmitindo a mensaxe de que o diferente é molesto, inconveniente.
Que futuros cidadáns estamos educando?
Solidarios?
Autónomos?
Críticos?
Plurais?
E, por que están os libros de texto no prato?
Porque benefician a algunhas empresas privadas, e, fagamos autocrítica, a moitos mestres/as: son cómodos, aforran tempo e esforzo, non nos invitan a cuestionarnos cada día o que facemos, por que, para que...e, aínda por riba, agora págaos Papá Estado, é dicir todos nós
Négome a traballar con libros de texto e a que os meus impostos sirvan para subvencionar o cancro da escola actual, e tamén fago un chamamento a todo aquel que queira escoitar e invítoo/a a que tome as rendas da súa aula, aquí tamén domina un compoñente idealista forte:
OUTRA ESCOLA É POSIBLE!
Ana