Blogia
Recursos educativos para mestres

Software libre

Medicamentos xenéricos ou de marca?

Medicamentos xenéricos ou de marca?

Estás de acordo en que na sanidade pública se aforren cartos apostando polos medicamentos xenéricos sempre e cando existan como alternativa aos medicamentos de marca?

Prefires unha marca branca no supermercado cando che garanten unha calidade similar no produto pero a un prezo máis económico?

Prefires apostar polas economías locais, respectuosas co seu contorno, antes que polos produtos das grandes multinacionais do mercado?

Defendes os valores das minorías, da interculturalidade, das identidades particulares, das linguas minoritarias?

Eres un profesional comprometido que ten na coherencia das súas accións un principio a seguir? Nun día frío de inverno prefires ter todas as ventás da túa casa pechadas para aforrar en calefacción, e non entendes o de aqueles/as aos que non lles preocupa ter unhas ventás pechadas e outras abertas?

Pensas que compartir os coñecementos e cooperar é un valor máis noble que competir e buscar primeiro o beneficio persoal?

En caso favorable, a túa aposta no mundo das tecnoloxías da información e da comunicación, e en concreto no mundo do software, debe ser polo software libre.

 

A túa aposta é polo Software Libre

Xa que:

- Permite aforrar importantes custos económicos en licenzas de software á Administración educativa, ao profesorado e ás familias do alumnado.

- Moito está traducido a linguas minoritarias, entre elas a lingua galega.

- Pasarías a formar parte dunha gran comunidade de persoas que participan altruistamente compartindo os seus coñecementos.

- Encaixa dentro do círculo das eleccións coherentes dun profesional da educación crítico e comprometido.

- Contribúe ao desenvolvemento do sector tecnolóxico local.

- Valora por encima de todo unha actitude ética ante a vida antes que outra meramente técnica ou tecnolóxica. A de compartir o coñecemento, traballar en equipo, ser solidario e non deixarse atrapar polo ruído do mercado.


Por que queremos software libre no ensino público obrigatorio?


Argumentos para o profesorado

Argumentos para os pais e nais do alumnado


Escola 2.0: Dez razóns para elixir software de fontes abertas na educación
(CENATIC, Centro Nacional de Referencia de aplicación das TIC baseadas en fontes abertas)

O código aberto é un modelo educativo en si mesmo libre, democrático, sostible e tecnolóxicamente competitivo

 


Non existe liberdade sen coñecemento


Non existe o coñecemento en termos absolutos, e tampouco a liberdade. Todos os días aprendemos algo novo, novas experiencias e novas reflexións sobre esa experiencia modifican e amplían o noso coñecemento da realidade. Igual sucede coa liberdade, nacemos libres só como estado potencial, pero é o coñecemento o que pon rostro a esa liberdade, que como aquel non deixa de conquistarse no día a día.


O uso da tecnoloxía é neutral en valores?


As tecnoloxías son neutrais dende unha perspectiva dos valores? En todo caso o uso das tecnoloxías non o é. En posicións extremas poden utilizarse para dar vida ou para quitala. Co uso que lle demos beneficiamos certas tendencias sociais e minusvaloramos outras. A nosa decisión si importa.



Non nos importan as TIC?


Algúns profesores aínda son reticentes a utilizar os ordenadores, cren que cun pouco de sorte poderían xubilarse sen aprender a utilizalos ou dándolles o menor uso posible, e en todo caso non teñen o menor interese en coñecer con quen se relacionan... bástalles con que funcionen, con que ao darlle a unha ou dúas teclas precisas obteñan a resposta esperada. Pero...

Cando che poñen a comida no prato... ¿non te preguntas de onde procede, quen a produce, a quen van destinados os cartos que pagaches por ela?... nese caso segue así que vas por bo camiño.

Se, pola contra, eres unha persoa con conciencia social, á que si lle importa saber de onde vén a comida que ten no prato cada día, quen a produce, en que condicións, e a quen chegan os cartos que paga por ela... entón tamén che preocupa saber quen pon o software no teu ordenador e as implicacións que ten que uses un tipo de software e non outro. Os teus actos (tan sequera as túas decisións) de usar un tipo ou outro de software favorecen ou promocionan determinados tipos de consecuencias sociais. Se usas software privativo favoreces un modelo económico onde unhas poucas multinacionais xeran a práctica totalidade do mercado, favoreces as prácticas de piratería de software, axudas a que os teus alumnos/as se "fidelicen" con determinadas marcas e non sexan capaces de ver máis alá.
Se usas software libre pasas a pertencer a unha comunidade solidaria que produce e usa ese software de xeito altruísta, promocionas condutas de colaboración e de compartir os coñecementos, apoias ás minorías sociais que defenden os seus rasgos identitarios, etc.

Que é o software libre?


Neste enlace atopamos unha introdución ao  software libre


A Administración utiliza software libre?

Dez razóns para que a Administración libere software

    * O artigo 11 do Real Decreto 4/2010, establece literalmente que “as Administracións públicas usarán estándares abertos, así como, no seu caso e de forma complementaria, estándares que sexan de uso xeneralizado polos cidadáns”.

Este punto obriga ás administracións a utilizar estándares abertos; falando en términos estritos, esta obriga supón que os formatos dos arquivos que manexa e a administración nas súas comunicacións cos cidadáns, tamén deben ser libres, é decir, a Administración debe admitir un documento redactado en Open Office, pero non está obrigada a admitir un documento Word.


Outros enlaces para saber máis:

Blog xosevidal
Blog CEIP A Rúa
Blog TIC CEIP A Rúa

Internet en el Aula- Grupo de Software Libre

Presentación do Plan de Acción 2010 en materia de software libre e de fontes abertas (FLOSS) da Xunta de Galicia

  • A Secretaría Xeral de Modernización promoverá e fomentará o uso do software libre en colaboración con todos os axentes implicados a través dun plan de acción dotado con 800.000€.
  • No ámbito educativo os 14.000 ultraportátiles do Proxecto Abalar terán un sistema operativo baseado no software libre.

Educación
A promoción do emprego do FLOSS na educación primaria e secundaria realizarase mediante unha serie de iniciativas lideradas pola Consellería de Educación para dalo a coñecer entre a comunidade educativa. Así, fomentarase a tradución ao galego de solucións baseadas en software libre e de fontes abertas, formase ao persoal docente no uso de solucións de software libre; despregarase un servidor de centro con solución TIC baseada en Floss nun mínimo de 50 centros e licitaranse os 14.000 ultraportátiles do Programa Abalar con sistema operativo GNU/Linux e paquete ofimático de software libre e de fontes abertas. Tamén se despregará un proxecto piloto de aulas baseadas en solucións FLOSS e da iniciativa “Webs dinámicas” nun mínimo de 500 centros que lles permitirá dispoñer dun portal web, dunha plataforma de teleformación e galería de imaxes con aplicación FLOSS.

Ver a noticia completa na web de Mancomun.org

Mapa conceptual do Software Libre

Fontes: GALPon ; Bulma (elaborado por René Mérou)

Carta aberta do Grupo do GLUG á Xunta da Galiza

Como bastantes xa saberedes, o goberno do Partido Popular ven de publicar un plano estratéxico para as novas tecnoloxías que, semella, substitúe ao anterior Plano Estratéxico Galego para a Sociedade da Información.

O PEGSI representaba, con todas as suas carencias, unha aposta forte polo Software Ceibe e o novo plano da Xunta ignora na sua totalidade estes temas.

É por iso que por toda a rede están a se mobilizar asociacións e indivíduos para lles facer chegar aos dirixentes da Xunta o seu desacougo, e o GLUG únese a estas iniciativas co envío dunha carta Certificada á segredaría Xeral de Modernización.

Podedes lela no enlace en GLUG

Migrando ao software libre nas escolas

O inicio de curso é un bo momento para introducir innovacións que afectan dun xeito estrutural ao funcionamento dun centro educativo. Unha delas é a migración ao software libre.

Achegamos dous documentos con argumentos a favor da utilización de software libre nas escolas, un dirixido especificamente ao profesorado, e un segundo dirixido aos pais e nais do alumnado.

Razóns para o profesorado : apélase en primeiro lugar á responsabilidade profesional docente (toma de decisións argumentada no saber profesional), en segundo lugar a razóns éticas (maior coherencia cos valores sociais promovidos dende a escola: traballo compartido, traballo en equipo, solidariedade social...) e por último a razóns prácticas (menores custos económicos, maior seguridade...)

Razóns para os pais e nais do alumnado: os argumentos van na mesma liña, neste caso substituíndo a responsabilidade profesional polo responsabilidade materna e paterna.

Software libre: súmate a unha boa causa

Convén que o profesorado comece a poñerse as pilas con isto das TIC e a perderlle o medo ao mundo dos ordenadores e da internet. Ou iso ou acabaremos converténdonos -se aínda non o somos- en dependentes dixitais.

E temos que comezar pola cementación se queremos construír un edificio sólido e coherente. A cementación radica no hardware e no software que temos instalado nos equipos. Non son decisións irrelevantes, pois desa decisión van depender outras moitas.

Precisamos canto antes asumir unha conciencia nítida das implicacións que esas decisións impoñen, e que afectan non só ao ámbito da técnica, senón e aínda en maior medida aos ámbito da ética e da filosofía educativa de cada centro.

FACUA (Organización de consumidores) pide que os ordenadores para o alumnado de primaria vaian equipados exclusivamente con software libre.

O PSOE propón que nos portátiles para escolares corra software libre, no diario Público

A mesma noticia, en Vieiros.

iUnika: portátil libre, solar e biodegradable

No diario El País recóllese a noticia da empresa madrileña iUnika que fabricará un portátil de prezo reducido -entre 130 e 200 euros-, comprometido con programas de software libre e o ecoloxismo.

Na páxina oficial de iUnika recóllense as características do mini-PC.

Proxecto IKASYS: ordenadores nas aulas nas ikastolas vascas

Este curso iniciouse nalgunhas Ikastolas vascas esta experiencia piloto de integración dos ordenadores nas aulas. Podedes ver as características do proxecto pinchando no enlace de abaixo. Está resumido nun par de vídeos. Destacamos o seu funcionamento baixo software libre, neste caso coa distribución de GNU/Linux Ubuntu e aplicacións propias desenvolvidas en software libre.

"O alumnado  dispón dunha serie de actividades coas que se quere conseguir a sistematización de aprendizaxes puntuais dirixidas ao desenvolvemento das competencias. Convén ter en conta que o proxecto foi creado para dar resposta curricular axeitada a algunhas necesidades habituais concretas no proceso de ensino-aprendizaxe. A súa aplicación é polo tanto limitada e non pretende dar resposta a toda a intervención educatica na aula".

Neste caso concreto o uso do ordenador limítase a unha especie de actividades de reforzo educativo. Este enfoque pode ser válido se se considera unha achega puntual. De todos os xeitos, unha utilización realmente educativa desta tecnoloxía debería centrarse no uso do traballo colaborativo, así como na busca, selección, procesamento e comunicación da información, o referente fundamental da competencia en TIC.

Ordenadores portátiles para os nenos e nenas de 5º de Primaria

O proxecto Escola 2.0 anunciado polo goberno ten tres soportes básicos:

  • A dotación tecnolóxica das aulas,
  • Conexión inarámica a prezo reducido e,
  • Un ordenador portátil para cada neno.

Os primeiros en recibilos serán os máis de 400.000 alumnos de 5º de primaria que se esperan para o próximo curso.

Pero esta "boa nova" ofrece máis sombras que luces:

1. A que intereses serve esta iniciativa e qué empresas están detrás dela?
2. Que sucede coa formación do profesorado?
3. Quen vai cuidar do correcto funcionamento destes equipos?
4. Con que sistema operativo funcionarán?
5. Que responsabilidade terán os nenos sobre os seus equipos, en caso de roubo, problemas de seguridade en internet...?
6. Quen forma ás familias do alumnado para un uso responsable destes equipos?
....
Estas e máis cuestións están tratadas no artigo de Eduardo Larequi, no blog La bitácora del Tigre.
As operadoras de internet tampouco o ven claro, neste artigo de El País.

En relación coa pregunta número 4, relativa ao sistema ou sistemas operativos que levará instalado por defecto o ordenador, estase xestando tamén unha gran polémica, porque esa non é unha decisión politicamente neutral e pode supoñer un gran despilfarro de recursos económicos. Porque pagar por un produto (licenzas de Microsoft) que dispón de alternativas que son libres, legais e gratuitas?

Ver noticia ampliada no diario Público

A Asociación Hispalinux considéraa a maior estafa dos últimos 30 anos.

Richard Stallman, a cabeza máis representativa do movemento do software libre e de GNU/Linux acusa directamente ao goberno de vender o futuro do país á Microsoft, empresa que domina o monopolio do software privativo (de pago). Stallman pregúntase: Por qué quere regalar Microsoft copias case gratuitas (do seu programa) a escolas e nenos? É como regalar drogas aditivas, xa que a primeira dose é gratis pero, despois de ser dependente, tes que pagar".
Ver noticia ampliada neste enlace do diario El País (son tamén moi interesantes os comentarios).
A mesma noticia neste enlace de Yahoo noticias.

Podemos ampliar máis información sobre o uso de software libre na entrada do blog CEIP A Rúa : Software libre nas escolas de primaria ou Windows?

Tamén merecen especial consideración os problemas de seguridade que presenta para os nosos nenos e nenas utilizar software privativo non legal, e por extensión aquel software privativo legal pero que non se actualiza diariamente con antivirus e programas de detección e eliminación de malwar. Ver na entrada do blog CEIP A Rúa Internet segura para nenos (II).

Facemos un chamamento ao profesorado e aos seus sindicatos, ás asociacións de pais e nais e aos demais axentes da comunidade educativa para que tomen postura neste asunto, que consideramos de vital importancia. A elección entre software libre ou software privativo nas escolas debe facerse de xeito argumentado e CONSCIENTE, como toda decisión que competa ao ámbito da educación dos nosos fillos. É demasiado arriscado deixala nas mans da fortuna.

O profesorado do ensino primario e secundario en Galicia está elaborando un documento consensuado contando coa colaboración dos grupos galegos de Software Libre, no que pode participar calquera persoa interesada na implantación efectiva e eficiente das TIC no ensino galego.

Internet segura para nenos (II)

Hoxe estivo connosco no colexio unha persoa responsable da sección de delitos tecnolóxicos da Garda Civil de Pontevedra para conversar co alumnado de 5º e 6º cursos sobre os perigos dun uso inapropiado de internet.

Informounos moi especialmente dos seguintes asuntos:

1. O perigo que supoñen os virus no noso ordenador: pódennos roubar contrasinais, roubarnos os cartos, roubar información persoal do ordenador, ralentizar ou estropear o funcionamento do ordenador, terceiras persoas poden cometer delitos que despois se nos poden imputar a nós co risco de poder ir ao cárcere, etc.

2. Os perigos dos chats tipo "Messenger". Agregamos a persoas descoñecidas sen valorar o perigo que iso supón, pois esas persoas poden ter malas intencións e facernos dano. Poden obter de nós facilmente información íntima: datos persoais, direccións, números de teléfono, gustos, etc. para logo utilizalos na nosa contra.

Ofreceunos as seguintes recomendacións a seguir:

1. Para os virus: nunca utilizar software que non sexa legal, pois non se actualiza (por exemplo o sistema operativo windows ou microsoft office) e son unha fonte moi propicia para os virus informáticos. O máis recomendable é:

a) Borrar Microsoft Office (Word, Excel, Powerpoint...) do noso ordenador, se o temos como copia ilegal (lembrar que o prezo legal anda nun mínimo de 200 euros), e instalar no seu lugar Open Office, (pincha no enlace para descargar) unha suite ofimática con procesador de texto, folla de cálculo, presentacións, etc. de software libre, e polo tanto legal e gratuito, que se actualiza a miúdo.



b) Eliminar do ordenador o navegador de internet se o tedes ilegal (O máis extendido é Internet Explorer) e utilizar no seu lugar un navegador de software libre, legal e gratuíto, como por exemplo Mozilla Firefox.


c) Borrar o sistema operativo Windows, tamén no caso de telo ilegal, e instalar por exemplo unha distribución de GNU/Linux, sistema alternativo de software libre, e polo tanto legal e gratuíto, mantido pola comunidade do software libre e con actualizacións constantes. Unha das distribucións máis populares é a Ubuntu 9.04, que podedes descargar desde aquí.


Hoxe en día a utilización do sistema operativo e as aplicacións en software libre son ao menos tan sinxelas coma co sistema operativo Windows, e con entornos gráficos máis personalizables e tuneados máis vistosos (ideal para os nenos e rapaces).

Lembrar, non obstante, que o feito de ter software libre funcionando no equipo protexe contra os virus, pero non contra outro tipo de prácticas que son responsabilidade plena do usuario, como por exemplo ofrecer información persoal nas redes sociais, cousa que non se debe facer nunca.

Os pais e nais teñen un traballo inexcusable na educación e formación dos seus fillos no uso responsable de internet. Porque aquí só hai dous camiños posibles, que o usuario controle a máquina e o software a través do coñecemento, ou que sexa a máquina e o software o que controle ao usuario e o convirta na súa vítima. A sociedade das tecnoloxías da información e da comunicación está chamando ás nosas portas e os seus golpes son cada vez máis intensos, non nos queda outra que agarrar o touro polos cornos, e non podemos permitir que os nosos fillos saiban máis ca nós. Como mínimo teremos que aprender ao lado deles e guialos non só no camiño da técnica, senón e sobre todo no camiño da ética.

A Administración Educativa está incitando abertamente ao fraude e á piratería do software. Instala nos seus equipos software privativo da marca Microsoft, que abusa do seu monopolio no mercado e que ten un custo económico determinado para a Administración e tamén para os usuarios. Ao ser utilizado nas escolas condiciona que o alumnado e as súas familias utilicen nas súas casas o mesmo software, entre outras cousas por problemas de formatos. E as familias deben gastarse os cartos en mercar o software ou optar pola vía da ilegalidade e obtelo gratis no mercado negro. Xeralmente elixen esta segunda opción. E todo iso cando existen no mercado alternativas de software libre e gratuíto (como por exemplo GNU/Linux ou Open Office) plenamente válidas. Dominan os intereses dos monopolios de certas empresas sobre o ben común da sociedade.

Dese xeito os nosos nenos e nenas acaban converténdose en traballadores involuntarios de Microsoft, servindo á esta gran empresa, pois non é preciso recordar que gran parte do seu éxito radica no labor de formación que uns usuarios se dan a outros para aprender a manexar o software. De aí saca Microsoft gran parte da súa fortuna. E esta nube de traballadores tan sequera recibe un euro a cambio! Pola contra, aprenden a través do currículo oculto a desexar as marcas comerciais polo seu valor mediático, a aceptar o individualismo e a competición persoal como un ben social e, como mal menor, a converterse en piratas tecnolóxicos, en ilegais, é dicir, a estar fóra da lei.

Pola ética no ensino e para imaxinar unha sociedade solidaria, é preferible que os nosos nenos e nenas se sumen á comunidade do software libre, usando e distribuíndo o software, sen pedir un euro a cambio, e de xeito legal, libre e gratuíto. Aprenderán valores de colaboración, de compartir o coñecemento, de solidariedade, aprenderán máis a nivel técnico (podemos acceder ao código fonte dos programas) e estarán máis protexidos dos perigos da rede.

Compromiso democrático na defensa do software libre

Coñecemos ben os síntomas que causan os monopolios: debilidade democrática, dependencia tecnolóxica, corporativización dos procesos regulatorios, corrupción estrutural da Administración Pública. Levamos anos nese punto exacto.

Ante as eleccións ao Parlamento Europeo diversas asociacións de software libre, comprometidas na defensa das liberdades dixitais, queren situar no debate central da futura política de Estado, a necesidade de que as infraestruturas informáticas públicas se desenvolvan sobre software libre.

Software libre nas escolas de primaria ou Windows?

Invitamos a participar aos pais e nais e ao profesorado nun debate de gran relevancia, dada a trascendencia que está a acadar o desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) nas escolas, a propósito dunha noticia que informa sobre a intención do goberno de Zapatero de regalar un portátil a cada alumno de primaria nos vindeiros anos, pero con software privativo instalado, da multinacional Microsoft, sen tan sequera terse sacado a concurso público. Tamén se informa nesta entrada do diario El País.

O debate está servido, con dúas opcións extremas:

1. Aceptar o software de Microsoft (Windows e Office), unha marca que ten o monopolio no sector, e que ten intereses empresariais concretos para incluso regalar o software se fose preciso (crear potenciais usuarios para o futuro, dependentes dos seus produtos)




2. Defender o uso exclusivo de software libre nas aulas (GNU/Linux, Firefox, OpenOffice...). Que o software sexa libre implica entre outras cousas que tamén é legal distribuír copias sen pagar licenzas e acceder ao código fonte dos programas. Para saber algo máis ver neste enlace de introdución ao software libre.


O software libre é unha especie de medicamento xenérico fronte ao de marca, se facemos unha analoxía coa industria farmacéutica. Para que imos pagar máis os usuarios por un produto que nos ofrece basicamente as mesmas prestacións?

No debate entran aspectos de puro utilitarismo técnico, económicos... pero tamén, e tal vez isto sexa o máis importante ao falar de educación, aspectos éticos e filosóficos... pois no fondo nas escolas estamos deseñando a sociedade do futuro.

Algunhas das razóns a favor do uso do software libre nas escolas:

  • por seguridade: ausencia de necesidade de antivirus, internet e conexións máis eficientes e seguras
  • por gratuidade e legalidade: miles de aplicacións gratuitas sen necesidade de piratear nada
  • por rendemento e ergonomía: capacidades multimedia maiores, estabilidade da execución dos programas e uptime do sistema
  • por localización: sistema e aplicacións traducidas nas linguas oficiais do país (case definitivo se é unha cuestión autonómica)

Ver máis razóns aquí:

Razóns para o uso do software libre na escola

Vídeo de Stallman sobre o mesmo tema

Hispalinux censura o custo económico e a dependencia tecnolóxica da "solución" Microsoft para a educación, publicado en GALPon.

Zapatero se equivoca, artigo de Jordi Adell
Software libre en educación infantil y primaria, de Jordi Adell (descargar en .zip)


Razóns a favor do software privativo (Microsoft Windows e Office):

  • Uso moi espallado do Windows: coñecémolo de sobra
  • A posible predilección dos nenos: para xogar usan básicamente Windows (aínda que o mini-portátil non iría cos xogos come-recursos)

Salvemos Microsoft, por Santiago Lamelo, na web da Federación Provincial de APAs da provincia de A Coruña.

Tamén podes seguir o debate aberto na rede social Internet en el Aula.

Máis debate en Zapatero se equivoca
Tamén en Twiter

 

Carta aberta a quen me remite ficheiros en formato .doc

Envioume un arquivo en formato Microsoft Word, un formato privativo e secreto, polo que me é moi difícil de ler. Se me envía o mesmo en texto plano, HTML, PDF ou ODF lereino.

Recibir ficheiros adxuntos en formato Word non é recomendable dado que poderían carrexar algún tipo de virus (véxase http://en.wikipedia.org/wiki/Macro_virus). Enviar documentos de Word pode ser prexudicial debido a que normalmente inclúen información oculta acerca do autor, permitindo a aqueles que o saben espiar as actividades do autor (quizá vostede). O texto que creu borrar podería estar presente e porlle nunha situación embarazosa. Véxase http://news.bbc.co.uk/2/hi/technology/3154479.stm para máis información.

Pero sobre todo, enviar documentos de Word, insta as persoas a utilizar software de Microsoft e contribúe a negarlles calquera outra opción. En efecto, convértese nun alicerce para o monopolio que dita compañía trata de impor, e iso supón un gran obstáculo cara á adopción maioritaria do software libre. Por favor, podería usar outra forma de mandar a información en lugar de Microsoft Word?

Non sei se vostede é consciente da gravidade deste problema cando se utiliza por defecto no ámbito escolar. Condicionamos aos nenos e nenas e ás súas familias a utilizar software de marca, é só dunha determinada marca concreta, que ten un custo económico claro, cando existen outras alternativas no mercado de carácter libre e gratuito que cumpren sobradamente estas funcións. Vostede promociona diariamente dende a escola, por exemplo, que os seus alumnos e alumnas utilicen zapatillas exclusivamente da marca NIKE? Pois debería quedar igualmente de sorprendido se o que utiliza é formatos .doc (exclusivos de Microsoft Word).

Propollémoslle as seguintes recomendacións:

A) Se traballa con Microsoft  Word, utilice formatos alternativos a .doc cando garda un documento  e pensa remitirllo a outra persoa, como por exemplo:

1. PDF: ten como aspecto negativo que non se pode modificar facilmente; a vantaxe que se mantén o formato orixinal independentemente da aplicación coa que o abra. O seu sistema tamén podería ter un programa para converter devandito documento a formato pdf. Faga clic en «Arquivo => Imprimir». Busque entre as impresoras dispoñibles e seleccione o conversor a pdf. Faga clic no botón e introduza un nome para o novo ficheiro cando llo solicite.

2. HTML : pode abrirse tamén cos navegadores de internet. Converter o documento a formato HTML desde Word é bastante sinxelo. Abra devandito documento, faga clic no menú «Arquivo», despois en «Gardar Como», e, na opción «Gardar como tipo», na parte inferior da xanela, elixa «Documento HTML» ou «Páxina Web». Despois faga clic en «Gardar».

3. TXT  (Moi simple, pérdense os formatos, pero serve para unha nota tipo e-mail ou algo polo estilo)

B) Non utilizar Microsoft Word, senón un procesador de textos alternativo e con formatos abertos, como por exemplo OpenOffice. Esta aplicación pódese descargar gratuitamente desde internet e está en lingua galega. Entón o formato por defecto será .ODF (É o formato que utiliza OpenOffice).

Microsoft pode (tal e como recentemente ocorreu en Kenia e Brasil) facer que a policía local faga cumprir leis que prohiben aos estudantes inspeccionar código fonte, prohiben a emprendedores iniciar novas compañías e prohiben a profesionais ofrecer os seus servizos. Por favor, non lles dea o seu apoio.

Traducido dun artigo de R. Stallman

Ver tamén este outro artigo en .pdf, de 2 páxinas, con máis argumentos para non utilizar o formato .doc

Video de Stallman para o FLISOL 2009

Dende o blog de PC TUX enlazamos un vídeo de Richard Stallman onde explica para que é e para que serve o software libre, cales son as liberdades que nos ofrece, e a importancia do seu uso para unha vida ética e en sociedade. Foi elaborado con motivo do FLISOL 2009 (Festival Latinoamericano de Instalación de Software Libre), e dura case media hora.


Video de Richard Stallman para el FLISOL 2009 from Sergio Vallejo on Vimeo

Ubuntu 9.04 Jaunty Jackalope: descargas e vídeo de instalación

Na web de FacilWare atopamos un video titorial de instalación da nova Ubuntu 9.04

 

Dende a páxina de Cesarius Revolutions, pinchando na imaxe de arriba, podes descargar calquera das variantes desta popular distribución de Linux.

 

O goberno prepara un plan para dar un ordenador a cada neno de primaria

Publicado en Radiocable.com

"O presidente do goberno anunciarao en breve. Búscase revolucionar o sistema educativo español.  O obxectivo final deste novo plan do goberno de Zapatero é que cada alumno de primaria dispoña dun ordenador persoal, portátil, para substituír o caderno e os libros".

Resulta moi interesante o debate recollido nos comentarios da noticia (ver máis no enlace de arriba)

Por que usar software libre?

En primeiro lugar por unha cuestión de principios, de valores, de coherencia.  Na sociedade conviven multitude de valores (todos os que poidas imaxinar). E hai valores que se complementan, que se reforzan reciprocamente, e outros que chegan a ser contraditorios entre si. Iso depende un pouco do modelo de sociedade que domine, dende modelos máis... chamémoslles de mercado, que priorizan o ben persoal (mirar polo propio interese: a competitividade, o individualismo...), ata outros máis sociais, que priorizan o ben social (mirar algo máis polo ben de todos/as: a solidariedade, a colaboración,...)  Os dous existen e non se poden negar. Pero SI que se poden priorizar. E a escola pode posicionarse (se os profesores parten dunha visión crítica da realidade social na que viven).

Nisto das TIC non existe neutralidade en valores. É como a vida mesma. A opción elixida encaixa mellor dentro dun sistema de valores, e axuda a reproducir eses valores. Se non o fai a través do currículo explícito faino a través do currículo oculto. Se non o fai a través das nosas actuacións conscientes faino a través das nosas actuacións inconscientes. O currículo oculto é algo equivalente á publicidade subliminal. Non é coherente, por exemplo, que un profesor ou profesora defenda o uso da lingua galega e a súa promoción social, e ao mesmo tempo utilice todo o software en lingua castelá. O neno/a aprende (subliminalmente, inconscientemente...) que a lingua castelá é a que vale, pois úsase case en exclusiva nos ordenadores, que por certo, tamén representan a modernidade e o futuro na escola.

A COHERENCIA para min é un supervalor. Sen non existe coherencia nos valores persoais a vida poder ser como un barco á deriva, a mercé do vento e das correntes. A coherencia marca un rumbo, un camiño, e cando esa dirección está clara os obstáculos convértense en estímulos para superalos.  Por iso a coherencia interesa que sexa o máis consciente e crítica posible.

Nisto do software hai 2 camiños:

1. Microsoft, windows, word, explorer... representan ao software privativo. Unha empresa o elabora e ofrece os seus servizos a quen lle pague o convido. Encaixa co modelo de mercado. Aquí a liberdade enténdese como a capacidade de usar o software que lle apeteza a cada quen e que esté dispoñible nese mercado.

2. Linux, openoffice, firefox... son exemplos do software libre. Elaborado por unha comunidade de persoas ou empresas presentes na rede e que o distribúe para que o poida utilizar quen queira libremente. Simbolizan a solidariedade, a colaboración desinteresada. E tamén a liberdade, pero entendida esta non como un libre capricho, senón como unha conquista persoal. Neste caso, a conquista do coñecemento, que realmente é o único que nos fai libres.

Por que case todo o mundo utiliza microsoft?  Para min só hai unha explicación. Descoñecemento xeral. Só o utilizan con consciencia ideolóxica ou utilitaria algo así como... vamos dicir que o 20% dos usuarios. O resto... unha pena... descoñecemento, ausencia de crítica... non eliximos, comemos o que nos puxeron no prato e punto.

Por que Microsoft está por defecto no prato?  Porque hai que recoñecerlle o mérito que na década dos 90 impulsou o acceso dos ordenadores aos usuarios medios. Deseñou un sistema operativo e unhas aplicacións ofimáticas de fácil uso.  Nesa época o software libre era cousas de universidades, de xente ilustrada.  Desa maneira cuase monopolizou o mercado do sofware, e as administracións, entre elas as educativas firmaron contratos polas licenzas, ás que hoxe seguen atadas.

Pero dende hai uns anos as cousas van cambiando moi á presa, e hoxe, o software libre é unha alternativa perfectamente válida en multitude de situacións, entre elas a escolar. Ofrece un sistema operativo máis fiable que o de windows e unhas aplicacións máis que suficientes para uso escolar (e tamén empresarial). E todo iso de forma libre e gratuita. Actualizado sempre na última. Mil veces máis personalizable que o windows, e con tuneado* máis vistoso. Con comunidades en internet que ofrecen todo tipo de axuda para solucionar calquera problema co ordenador.

Sendo así... eu négome a traballar para microsoft (e aproveito para facer un chamamento a todo aquel/a que se solidarice con esta causa). Entre outras cousas, porque non estou na súa plantilla, non me pagan un euro por axudar aos usuarios do seu software a resolverlles as dúbidas que se lles presentan, e que son moitas, moitas,... Que os formen eles! Acaso microsoft non gana millóns a patadas!

Así que te animo para que te pases á comunidade do software libre. Nela domina unha compoñente idealista forte, aos seus membros non lles vai importar usar o seu tempo para axudarche, e contigo somos máis fortes :-)

*tuneado:  o equivalente tic a poñer guapo un coche, unha casa...

PAra saber máis:  http://phpwebquest.org/wq25/webquest/soporte_tablon_w.php?id_actividad=64821&id_pagina=1

Máis sobre software libre en Galicia, na web de Mancomún.

E para rematar, unha guía completa sobre software de fontes abertas, publicada por CENATIC.

Mapa conceptual do software libre en galego

Noticia recollida en Mancomún

A xente da Oficina de Software Libre da USC traduciu ao galego o Mapa Conceptual de Software Libre de René Mérou, mantedor de paquetes de Debian. Esta tradución engadirase ás outras nove traducións existentes para completa-la decena.
https://xosevidal.blogia.com/upload/externo-999fe29f9de3fe61fc9668c76ef7aacf.png

GALINUX: novo sistema operativo libre, gratuíto e en galego

Noticia recollida en MANCOMÚN

Fernando Blanco presentou hoxe o sistema operativo, unha iniciativa desenvolvida por Mancomún, o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza, en colaboración coa comunidade galega de software libre.

Galinux, un completo sistema operativo de fontes abertas configurado para facilitarlle, a todos os galegos e galegas, o uso do seu computador integramente en galego e con aplicacións informáticas libres e gratuítas.

Baseado en Ubuntu, ademais de tódalas funcionalidades típicas dun sistema operativo, incorpora os principais aplicativos, como o popular navegador web Firefox, as aplicacións de ofimática incluídas no OpenOffice.org (procesador de textos, folla de cálculo ou presentacións multimedia), un corrector ortográfico en galego, clientes de correo electrónico, un programa de retoque fotográfico de alta calidade, aplicación de mensaxería instantánea, reprodutores de son e vídeo, gravador de CD e DVD, etc. Todos eles en galego e con actualizacións permanentes.

Podédelo descargar dende aquí

Ubuntu 8.10, Intrepid Ibex, lista para descargar

Outra nova oportunidade para dar o salto a Linux e ao mundo do software libre.  Vas deixala pasar?

Podes ver as súas principais novidades en MuyComputer.

Podes descargar a versión axeitada para o teu ordenador dende a web de Mancomún