Blogia
Recursos educativos para mestres

Internet segura para nenos (II)

Hoxe estivo connosco no colexio unha persoa responsable da sección de delitos tecnolóxicos da Garda Civil de Pontevedra para conversar co alumnado de 5º e 6º cursos sobre os perigos dun uso inapropiado de internet.

Informounos moi especialmente dos seguintes asuntos:

1. O perigo que supoñen os virus no noso ordenador: pódennos roubar contrasinais, roubarnos os cartos, roubar información persoal do ordenador, ralentizar ou estropear o funcionamento do ordenador, terceiras persoas poden cometer delitos que despois se nos poden imputar a nós co risco de poder ir ao cárcere, etc.

2. Os perigos dos chats tipo "Messenger". Agregamos a persoas descoñecidas sen valorar o perigo que iso supón, pois esas persoas poden ter malas intencións e facernos dano. Poden obter de nós facilmente información íntima: datos persoais, direccións, números de teléfono, gustos, etc. para logo utilizalos na nosa contra.

Ofreceunos as seguintes recomendacións a seguir:

1. Para os virus: nunca utilizar software que non sexa legal, pois non se actualiza (por exemplo o sistema operativo windows ou microsoft office) e son unha fonte moi propicia para os virus informáticos. O máis recomendable é:

a) Borrar Microsoft Office (Word, Excel, Powerpoint...) do noso ordenador, se o temos como copia ilegal (lembrar que o prezo legal anda nun mínimo de 200 euros), e instalar no seu lugar Open Office, (pincha no enlace para descargar) unha suite ofimática con procesador de texto, folla de cálculo, presentacións, etc. de software libre, e polo tanto legal e gratuito, que se actualiza a miúdo.



b) Eliminar do ordenador o navegador de internet se o tedes ilegal (O máis extendido é Internet Explorer) e utilizar no seu lugar un navegador de software libre, legal e gratuíto, como por exemplo Mozilla Firefox.


c) Borrar o sistema operativo Windows, tamén no caso de telo ilegal, e instalar por exemplo unha distribución de GNU/Linux, sistema alternativo de software libre, e polo tanto legal e gratuíto, mantido pola comunidade do software libre e con actualizacións constantes. Unha das distribucións máis populares é a Ubuntu 9.04, que podedes descargar desde aquí.


Hoxe en día a utilización do sistema operativo e as aplicacións en software libre son ao menos tan sinxelas coma co sistema operativo Windows, e con entornos gráficos máis personalizables e tuneados máis vistosos (ideal para os nenos e rapaces).

Lembrar, non obstante, que o feito de ter software libre funcionando no equipo protexe contra os virus, pero non contra outro tipo de prácticas que son responsabilidade plena do usuario, como por exemplo ofrecer información persoal nas redes sociais, cousa que non se debe facer nunca.

Os pais e nais teñen un traballo inexcusable na educación e formación dos seus fillos no uso responsable de internet. Porque aquí só hai dous camiños posibles, que o usuario controle a máquina e o software a través do coñecemento, ou que sexa a máquina e o software o que controle ao usuario e o convirta na súa vítima. A sociedade das tecnoloxías da información e da comunicación está chamando ás nosas portas e os seus golpes son cada vez máis intensos, non nos queda outra que agarrar o touro polos cornos, e non podemos permitir que os nosos fillos saiban máis ca nós. Como mínimo teremos que aprender ao lado deles e guialos non só no camiño da técnica, senón e sobre todo no camiño da ética.

A Administración Educativa está incitando abertamente ao fraude e á piratería do software. Instala nos seus equipos software privativo da marca Microsoft, que abusa do seu monopolio no mercado e que ten un custo económico determinado para a Administración e tamén para os usuarios. Ao ser utilizado nas escolas condiciona que o alumnado e as súas familias utilicen nas súas casas o mesmo software, entre outras cousas por problemas de formatos. E as familias deben gastarse os cartos en mercar o software ou optar pola vía da ilegalidade e obtelo gratis no mercado negro. Xeralmente elixen esta segunda opción. E todo iso cando existen no mercado alternativas de software libre e gratuíto (como por exemplo GNU/Linux ou Open Office) plenamente válidas. Dominan os intereses dos monopolios de certas empresas sobre o ben común da sociedade.

Dese xeito os nosos nenos e nenas acaban converténdose en traballadores involuntarios de Microsoft, servindo á esta gran empresa, pois non é preciso recordar que gran parte do seu éxito radica no labor de formación que uns usuarios se dan a outros para aprender a manexar o software. De aí saca Microsoft gran parte da súa fortuna. E esta nube de traballadores tan sequera recibe un euro a cambio! Pola contra, aprenden a través do currículo oculto a desexar as marcas comerciais polo seu valor mediático, a aceptar o individualismo e a competición persoal como un ben social e, como mal menor, a converterse en piratas tecnolóxicos, en ilegais, é dicir, a estar fóra da lei.

Pola ética no ensino e para imaxinar unha sociedade solidaria, é preferible que os nosos nenos e nenas se sumen á comunidade do software libre, usando e distribuíndo o software, sen pedir un euro a cambio, e de xeito legal, libre e gratuíto. Aprenderán valores de colaboración, de compartir o coñecemento, de solidariedade, aprenderán máis a nivel técnico (podemos acceder ao código fonte dos programas) e estarán máis protexidos dos perigos da rede.

0 comentarios