Blogia
Recursos educativos para mestres

En galego

Na defensa da legalidade

Publicado no blog: http://ceiparua.blogspot.com/2009/06/na-defensa-da-legalidade.html

ANTE O PROCEDEMENTO ABERTO POLA CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA DE CONSULTA AOS PAIS E NAIS DO ALUMNADO DOS COLEXIOS PÚBLICOS E CONCERTADOS SOBRE O ENSINO DAS LINGUAS, QUEREMOS EXPRESAR AS SEGUINTES REFLEXIÓNS:

1.- A Lingua Galega na escola.

A actual situación de tratamento e uso da Lingua Galega nas escolas é a que quedou establecida no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, elaborado por ducias de cualificados profesionais nun traballo serio e con rigor científico, e aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia o 21 de setembro de 2004.

Neste Plan establecese para o Ensino obxectivos como:

  • Esixir o cumprimento da lexislación sobre o uso da lingua galega no sistema escolar de xeito universal e incondicionado e conseguir que en todos os centros educativos de Galicia exista unha planificación lingüística adaptada ás súas especificidades e orientada ao obxectivo legal de acadar unha boa competencia nas dúas linguas oficiais.
  • Garantir unha ampla oferta educativa en galego nos primeiros treitos educativos e na aprendizaxe da lectoescritura, na perspectiva de que este idioma se converta na lingua primeira do sistema educativo en Galicia.
  • Lograr que o ensino obrigatorio lle garanta unha boa competencia en lingua galega a todo o alumnado e que repercuta de forma positiva no seu uso, axudando así a superar o desequilibrio social no que se atopan o galego e o castelán.

Para o cumprimento destes obxectivos articulouse o Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo, que establece...

  • Educación infantil: Na etapa de educación infantil, o profesorado usará na clase a lingua materna predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua do contorno e coidará de que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia, dentro dos límites propios da correspondente etapa ou ciclo.
  • E. Primaria: Impartiranse obrigatoriamente en galego as áreas de matemáticas, coñecemento do medio e educación para a cidadanía, garantindo a competencia lingüística propia do nivel nas dúas linguas oficiais da comunidade autónoma.

Os profesionais do ensino sabemos que con estas medidas non se está a favorecer á lingua galega sobre a castelá, senón a compensar o desequilibrio que na sociedade existe a favor do castelán. Se non se potencia o galego na escola,... ¿en que outros ámbitos poden os nenos e nenas estar, hoxe en día, en contacto coa lingua autóctona?

Dende esta Escola, que xa con anterioridade ao Decreto viña aplicando estas medidas de apoio á lingua propia, podemos afirmar con resultados na man, que potenciar a aprendizaxe en galego nunca foi causa que impedira acadar unhas competencias educativas satisfactorias.

2.- A consulta ás familias.

A consulta aos pais e nais do alumnado escolarizado en colexios públicos e concertados que agora está levando a cabo a Consellería a través dos centros de ensino, deseñada á marxe da comunidade educativa e facendo responsables da mesma aos directores/as dos centros, é un documento pouco serio, carente de rigor científico e cheo de irregularidades na metodoloxía de distribución e no procesamento de datos, que farán pouco fiables os seus resultados:

  • Acaso un/a neno/a de 3 anos pode ser responsable de levar e traer unha enquisa?
  • Quen garante que a enquisa foi cumprimentada polo pai ou nai?
  • Que seguridade pode ter un pai ou nai que as súas opinións vaian ser lidas por alguén? Quen vai tabular os datos, en presenza de quen?...
  • Por que unha familia que ten tres fillos terá tres votos e a que ten un único fillo/a só un voto?
  • Por que poden opinar familias que para o próximo curso xa non terán fillos no ensino obrigatorio?
  • Por que os que terán fillos en Infantil-3 anos para o próximo curso, non poden opinar?
  • E os dos cursos vindeiros?

Esta consulta é tendenciosa cando propón unha resposta que provoca engano, como “todo en galego” para a opción de continuar coa legalidade actual, ou sexa o 50 % das materias en galego. Si, hai letra pequena, pero sabemos que tipo de documentos usan esa artimaña. É fácil que moitas familias se opoñan a que se ensine “todo en galego”.

Ademais, pode incurrir en ilegalidade por incumprir a normativa básica da Lei 15/1999, de 13 de decembro, Orgánica de Protección de Datos (LOPD).

A verdade é que costa pensar que un procedemento coma este, estea organizado por un organismo como a Consellería de Educación, da que agardamos unha elevada responsabilidade polo importante cometido que ten para o País.

3.- O papel da Consellería de Educación.

As leis obrígannos a todos. Mal vamos se os que as teñen que aplicar empezan por colocarse á marxe delas.

A Lei de Normalización Lingüística de Galicia (Lei 3/1983, do 15 de xuño, aprobada gobernando o Partido Popular), di:

Título III. Do uso do galego no ensino

Artigo 12.1. O galego, como lingua propia de Galicia, é tamén lingua oficial no ensino en tódolos niveis educativos.

Artigo 13.2. As Autoridades educativas da Comunidade Autónoma arbitrarán as medidas encamiñadas a promove-lo uso progresivo do galego no ensino.

Está claro que o actual Goberno da Xunta de Galicia, non está a favor de cumprir a Lei, e como escusa argalla esta impresentable consulta, coa que xustificará que non por eles, senón por que o demandan as familias dos escolares, no ensino haberá que deixar a lingua galega reducida a unha presenza testemuñal, coa grave irresponsabilidade de non chegar a acadar os obxectivos que nos marca a lexislación e normativa coa que nos dotamos na democracia.

O sistema educativo como servizo público, a normalización lingüística e o dereito a coñecer o idioma propio de Galiza, son cuestións que afectan ao conxunto da sociedade (pais e nais, profesionais, traballadores, comerciantes,... e cidadanía en xeral) e en ningún caso pode xustificarse unha decisión que afecta a todos/as só coa opinión persoal (e en moitos casos non informada) dunha soa parte. A lingua é o patrimonio cultural e histórico de máis valor de Galicia e compétenos a todas e todos os galegos e galegas a súa defensa e promoción.

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres

Enquisas sobre as linguas

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) elaborou un tríptico informativo dirixido ás familias do alumnado dos centros educativos de Galicia, para clarificar aspectos da enquisa que vai realizar a Xunta a pais e nais sobre preferencias de idiomas.

From END

O seu obxectivo é ofrecer información rigorosa sobre a aprendizaxe de linguas no noso ensino nun escenario problemático como o actual, determinado por intereses alleos aos estritamente pedagóxicos e que están ameazando a convivencia nos centros.

Á falta dunha campaña informativa institucional e ante a inminente distribución por parte da administración educativa dunha enquisa ás familias carente de rigorosidade científica e de fiabilidade, a CGENDL quere apostar polo dereito dos nenos e nenas a ser igualmente competentes en galego e castelán abrindo un debate real sobre as medidas que temos que adoptar para conseguir que dominen plenamente as dúas linguas, tal e como establece a LOE.

Recollemos de seguido máis documentación e unhas cantas valoracións da comunidade educativa ao redor da citada enquisa:

1. Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, en especial o título III.

2. Sobre a consulta da Consellaría de Educación. Texto consensuado entre diferentes organizacións.

3. Boletín do MRP Nova Escola Galega

4. Discurso pronunciado por Agustín Fernández Paz con motivo da celebración dos XXVI Premios Xerais, o pasado 6 de xuño, publicado no blog O Segrel do Penedo.

5. STEG. A Consellería de educación persegue a liberdade de expresión

6. Manifesto do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, no blog Trafegando Ronseis.

7. O ILG advírtelle a Feijoo do "dano gravísimo" ao prestixio social da lingua

 

Orella pendella: blog de ditos, recitados e cancións infantís

Na lingua galega hai infinidade de ditos, recitados, cancións, etc. que acompañaron desde hai séculos as brincadeiras dos/as nenos/as ou as relacións entre os membros maiores da familia e os máis pequenos.

Este excelente blog ten por pretensión difundir a literatura popular infantil de Galicia para que siga sendo unha ferramenta educativa e de lecer para os/as galegos/as do século XXI. 

Parabéns :-)

Podcast educativo: premios Tíralle da lingua 2008

Organizado pola AS-PG, entregáronse xa hai un mes os premios da edición 2008 do Concurso de Relato Oral Tíralle da Lingua.
Recollemos neste enlace, o 1º premio na categoría de Educación Primaria, concedido a Aaron Riadas Lahuerta, do Colexio Inmaculada de Santa Comba, que nos vai falar como presidente da Real Academia nun memorable discurso arredor dunha das palabras máis clásicas da nosa lingua (manda carallo!!).
O resto dos premios no seguinte enlace  Tíralle da lingua 2008

Letras Galegas 2008

A AELG (Asociación de escritores en Lingua Galega) facilítanos unha Unidade Didáctica (publicada en Issuu) sobre Álvarez Blázquez elaborada por Mercedes Queixas. Esta U. D. recolle propostas de traballo para Educación Infantil e para os tres Ciclos da Educación Primaria.

(Noticia recollida no Recanto de Mik)

(Imaxe recollida en TIC no 3º ciclo, de Alberto Armada).

O ENDL do CEIP Quintela de Moaña publica unha escolma de enlaces web sobre o escritor, para o seu uso educativo.

Na web de Norberto temos un ano máis unha excelente recompilación de recursos (unidades didácticas, enlaces web...), onde destaca a proposta do Seminario Galán, con unidades didácticas en .pdf para educación infantil e cada un dos ciclos de educación primaria, así como actividades online en Jclic e LIM.

Axudas a proxectos de fomento do uso do galego

No DOG no 227, do 23 de novembro, sae publicada a Resolución do 19 de novembro de 2007, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se anuncia a convocatoria para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego.

Ver os criterios de valoración dos proxectos

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, con motivo do Día das Letras Galegas, convoca un concurso para a elaboración dunha exposición sobre a obra, época e lingua do autor homenaxeado este ano, Xosé María Álvarez Blázquez, e/ou sobre a situación sociolingüística da etapa histórica en que viviu.

Dinamización lingüística

O concepto de dinamización e o papel do dinamizador(a) lingüístico, por Anxo M. Lorenzo Suárez, da Universidade de Vigo.
SlideShare
Máis traballos do autor aquí
¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres

Vivamos como galegos!

Un anuncio publicitario para a mellora da autoestima Chulo

Biblioteca Virtual Galega

A páxina web da biblioteca virtual galega recolle un amplo catálogo de obras e autores da literatura galega, os textos de moitas obras, así como obras lidas por diferentes autores e que se poden escoitar en audio e inclusive fragmentos de vídeos. 

Imprescindible. 

 

 

María Mariño no día das Letras Galegas 2007


No mes das Letras Galegas 2007 publícanse dous novos recursos para os niveis de educación infantil e primaria elaborados por profesorado galego e postos a disposición da comunidade educativa a través do Portal de Contidos da Xunta de Galicia.

Primeiro trátase das actividades do Seminario Galán de Formación Permanente, que podes descargar en formato.pdf para traballar as fichas cos nenos e nenas na aula, clasificadas por ciclos:

 

Ou ben traballalas directamente a través de internet:


O segundo recurso é unha animación flash sobre a vida e a obra de María Mariño, tamén para visualizar no ordenador.
 
Publicado no Boletín nº 18 da CEOU
 
Excelente recompilación de recursos na web de Norberto

 
¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres

PROXECTOS DE FOMENTO DO USO DO GALEGO

Resolución do 1 de marzo de 2007 (DOG nº 47) . Convocatoria para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego dos equipos de normalización lingüística dos centros de ensino público de Galicia.

O financiamento máximo que se outorgará para cada proxecto non superará os 2.500€. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días dende a publicación no DOG.

 

Galicia encantada

 

Aquí atoparás a historia da Galicia imaxinaria, mitos, lendas, ritos, contos, romances e aventuras que se resisten ó esquecemento e que siguen vivindo na nosa memoria colectiva.

 

 

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres