07/11/2009

Mapa conceptual do Software Libre

Fontes: GALPon ; Bulma (elaborado por René Mérou)

07/11/2009 00:05 Autor: xosevidal. #. Tema: Software libre. Hay 1 comentario.

17/07/2009

Carta aberta do Grupo do GLUG á Xunta da Galiza

Como bastantes xa saberedes, o goberno do Partido Popular ven de publicar un plano estratéxico para as novas tecnoloxías que, semella, substitúe ao anterior Plano Estratéxico Galego para a Sociedade da Información.

O PEGSI representaba, con todas as suas carencias, unha aposta forte polo Software Ceibe e o novo plano da Xunta ignora na sua totalidade estes temas.

É por iso que por toda a rede están a se mobilizar asociacións e indivíduos para lles facer chegar aos dirixentes da Xunta o seu desacougo, e o GLUG únese a estas iniciativas co envío dunha carta Certificada á segredaría Xeral de Modernización.

Podedes lela no enlace en GLUG

17/07/2009 13:51 Autor: xosevidal. #. Tema: Software libre. No hay comentarios. Comentar.

09/07/2009

Migrando ao software libre nas escolas

O inicio de curso é un bo momento para introducir innovacións que afectan dun xeito estrutural ao funcionamento dun centro educativo. Unha delas é a migración ao software libre.

Achegamos dous documentos con argumentos a favor da utilización de software libre nas escolas, un dirixido especificamente ao profesorado, e un segundo dirixido aos pais e nais do alumnado.

Razóns para o profesorado : apélase en primeiro lugar á responsabilidade profesional docente (toma de decisións argumentada no saber profesional), en segundo lugar a razóns éticas (maior coherencia cos valores sociais promovidos dende a escola: traballo compartido, traballo en equipo, solidariedade social...) e por último a razóns prácticas (menores custos económicos, maior seguridade...)

Razóns para os pais e nais do alumnado: os argumentos van na mesma liña, neste caso substituíndo a responsabilidade profesional polo responsabilidade materna e paterna.

09/07/2009 00:27 Autor: xosevidal. #. Tema: Software libre. No hay comentarios. Comentar.

19/06/2009

Podo escribir os versos máis tristes esta tarde

Descanse en Paz

María Amelia López Soliño, autora do blog A mis 95 años faleceu o 20 de maio de 2009 ás 6 da mañá.

Non quero bágoas nin frores
Só quero a pedra de abalar dos meus amores

19/06/2009 09:41 Autor: xosevidal. #. Tema: Pensamentos no diván. No hay comentarios. Comentar.

18/06/2009

Na defensa da legalidade

Publicado no blog: http://ceiparua.blogspot.com/2009/06/na-defensa-da-legalidade.html

ANTE O PROCEDEMENTO ABERTO POLA CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA DE CONSULTA AOS PAIS E NAIS DO ALUMNADO DOS COLEXIOS PÚBLICOS E CONCERTADOS SOBRE O ENSINO DAS LINGUAS, QUEREMOS EXPRESAR AS SEGUINTES REFLEXIÓNS:

1.- A Lingua Galega na escola.

A actual situación de tratamento e uso da Lingua Galega nas escolas é a que quedou establecida no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, elaborado por ducias de cualificados profesionais nun traballo serio e con rigor científico, e aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia o 21 de setembro de 2004.

Neste Plan establecese para o Ensino obxectivos como:

  • Esixir o cumprimento da lexislación sobre o uso da lingua galega no sistema escolar de xeito universal e incondicionado e conseguir que en todos os centros educativos de Galicia exista unha planificación lingüística adaptada ás súas especificidades e orientada ao obxectivo legal de acadar unha boa competencia nas dúas linguas oficiais.
  • Garantir unha ampla oferta educativa en galego nos primeiros treitos educativos e na aprendizaxe da lectoescritura, na perspectiva de que este idioma se converta na lingua primeira do sistema educativo en Galicia.
  • Lograr que o ensino obrigatorio lle garanta unha boa competencia en lingua galega a todo o alumnado e que repercuta de forma positiva no seu uso, axudando así a superar o desequilibrio social no que se atopan o galego e o castelán.

Para o cumprimento destes obxectivos articulouse o Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo, que establece...

  • Educación infantil: Na etapa de educación infantil, o profesorado usará na clase a lingua materna predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua do contorno e coidará de que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia, dentro dos límites propios da correspondente etapa ou ciclo.
  • E. Primaria: Impartiranse obrigatoriamente en galego as áreas de matemáticas, coñecemento do medio e educación para a cidadanía, garantindo a competencia lingüística propia do nivel nas dúas linguas oficiais da comunidade autónoma.

Os profesionais do ensino sabemos que con estas medidas non se está a favorecer á lingua galega sobre a castelá, senón a compensar o desequilibrio que na sociedade existe a favor do castelán. Se non se potencia o galego na escola,... ¿en que outros ámbitos poden os nenos e nenas estar, hoxe en día, en contacto coa lingua autóctona?

Dende esta Escola, que xa con anterioridade ao Decreto viña aplicando estas medidas de apoio á lingua propia, podemos afirmar con resultados na man, que potenciar a aprendizaxe en galego nunca foi causa que impedira acadar unhas competencias educativas satisfactorias.

2.- A consulta ás familias.

A consulta aos pais e nais do alumnado escolarizado en colexios públicos e concertados que agora está levando a cabo a Consellería a través dos centros de ensino, deseñada á marxe da comunidade educativa e facendo responsables da mesma aos directores/as dos centros, é un documento pouco serio, carente de rigor científico e cheo de irregularidades na metodoloxía de distribución e no procesamento de datos, que farán pouco fiables os seus resultados:

  • Acaso un/a neno/a de 3 anos pode ser responsable de levar e traer unha enquisa?
  • Quen garante que a enquisa foi cumprimentada polo pai ou nai?
  • Que seguridade pode ter un pai ou nai que as súas opinións vaian ser lidas por alguén? Quen vai tabular os datos, en presenza de quen?...
  • Por que unha familia que ten tres fillos terá tres votos e a que ten un único fillo/a só un voto?
  • Por que poden opinar familias que para o próximo curso xa non terán fillos no ensino obrigatorio?
  • Por que os que terán fillos en Infantil-3 anos para o próximo curso, non poden opinar?
  • E os dos cursos vindeiros?

Esta consulta é tendenciosa cando propón unha resposta que provoca engano, como “todo en galego” para a opción de continuar coa legalidade actual, ou sexa o 50 % das materias en galego. Si, hai letra pequena, pero sabemos que tipo de documentos usan esa artimaña. É fácil que moitas familias se opoñan a que se ensine “todo en galego”.

Ademais, pode incurrir en ilegalidade por incumprir a normativa básica da Lei 15/1999, de 13 de decembro, Orgánica de Protección de Datos (LOPD).

A verdade é que costa pensar que un procedemento coma este, estea organizado por un organismo como a Consellería de Educación, da que agardamos unha elevada responsabilidade polo importante cometido que ten para o País.

3.- O papel da Consellería de Educación.

As leis obrígannos a

... (... continúa)
18/06/2009 00:55 Autor: xosevidal. #. Tema: En galego. No hay comentarios. Comentar.

13/06/2009

Enquisas sobre as linguas

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) elaborou un tríptico informativo dirixido ás familias do alumnado dos centros educativos de Galicia, para clarificar aspectos da enquisa que vai realizar a Xunta a pais e nais sobre preferencias de idiomas.

From END

O seu obxectivo é ofrecer información rigorosa sobre a aprendizaxe de linguas no noso ensino nun escenario problemático como o actual, determinado por intereses alleos aos estritamente pedagóxicos e que están ameazando a convivencia nos centros.

Á falta dunha campaña informativa institucional e ante a inminente distribución por parte da administración educativa dunha enquisa ás familias carente de rigorosidade científica e de fiabilidade, a CGENDL quere apostar polo dereito dos nenos e nenas a ser igualmente competentes en galego e castelán abrindo un debate real sobre as medidas que temos que adoptar para conseguir que dominen plenamente as dúas linguas, tal e como establece a LOE.

Recollemos de seguido máis documentación e unhas cantas valoracións da comunidade educativa ao redor da citada enquisa:







 

13/06/2009 13:13 Autor: xosevidal. #. Tema: En galego. No hay comentarios. Comentar.

15/05/2009

Software libre: súmate a unha boa causa

Convén que o profesorado comece a poñerse as pilas con isto das TIC e a perderlle o medo ao mundo dos ordenadores e da internet. Ou iso ou acabaremos converténdonos -se aínda non o somos- en dependentes dixitais.

E temos que comezar pola cementación se queremos construír un edificio sólido e coherente. A cementación radica no hardware e no software que temos instalado nos equipos. Non son decisións irrelevantes, pois desa decisión van depender outras moitas.

Precisamos canto antes asumir unha conciencia nítida das implicacións que esas decisións impoñen, e que afectan non só ao ámbito da técnica, senón e aínda en maior medida aos ámbito da ética e da filosofía educativa de cada centro.

FACUA (Organización de consumidores) pide que os ordenadores para o alumnado de primaria vaian equipados exclusivamente con software libre.

O PSOE propón que nos portátiles para escolares corra software libre, no diario Público

A mesma noticia, en Vieiros.

15/05/2009 20:37 Autor: xosevidal. #. Tema: Software libre. No hay comentarios. Comentar.

iUnika: portátil libre, solar e biodegradable

No diario El País recóllese a noticia da empresa madrileña iUnika que fabricará un portátil de prezo reducido -entre 130 e 200 euros-, comprometido con programas de software libre e o ecoloxismo.

Na páxina oficial de iUnika recóllense as características do mini-PC.

15/05/2009 13:59 Autor: xosevidal. #. Tema: Software libre. No hay comentarios. Comentar.

14/05/2009

Proxecto IKASYS: ordenadores nas aulas nas ikastolas vascas

Este curso iniciouse nalgunhas Ikastolas vascas esta experiencia piloto de integración dos ordenadores nas aulas. Podedes ver as características do proxecto pinchando no enlace de abaixo. Está resumido nun par de vídeos. Destacamos o seu funcionamento baixo software libre, neste caso coa distribución de GNU/Linux Ubuntu e aplicacións propias desenvolvidas en software libre.

"O alumnado  dispón dunha serie de actividades coas que se quere conseguir a sistematización de aprendizaxes puntuais dirixidas ao desenvolvemento das competencias. Convén ter en conta que o proxecto foi creado para dar resposta curricular axeitada a algunhas necesidades habituais concretas no proceso de ensino-aprendizaxe. A súa aplicación é polo tanto limitada e non pretende dar resposta a toda a intervención educatica na aula".

Neste caso concreto o uso do ordenador limítase a unha especie de actividades de reforzo educativo. Este enfoque pode ser válido se se considera unha achega puntual. De todos os xeitos, unha utilización realmente educativa desta tecnoloxía debería centrarse no uso do traballo colaborativo, así como na busca, selección, procesamento e comunicación da información, o referente fundamental da competencia en TIC.

14/05/2009 00:48 Autor: xosevidal. #. Tema: Software libre. No hay comentarios. Comentar.

13/05/2009

Ordenadores portátiles para os nenos e nenas de 5º de Primaria

O proxecto Escola 2.0 anunciado polo goberno ten tres soportes básicos:

  • A dotación tecnolóxica das aulas,
  • Conexión inarámica a prezo reducido e,
  • Un ordenador portátil para cada neno.

Os primeiros en recibilos serán os máis de 400.000 alumnos de 5º de primaria que se esperan para o próximo curso.

Pero esta "boa nova" ofrece máis sombras que luces:

1. A que intereses serve esta iniciativa e qué empresas están detrás dela?
2. Que sucede coa formación do profesorado?
3. Quen vai cuidar do correcto funcionamento destes equipos?
4. Con que sistema operativo funcionarán?
5. Que responsabilidade terán os nenos sobre os seus equipos, en caso de roubo, problemas de seguridade en internet...?
6. Quen forma ás familias do alumnado para un uso responsable destes equipos?
....
Estas e máis cuestións están tratadas no artigo de Eduardo Larequi, no blog La bitácora del Tigre.
As operadoras de internet tampouco o ven claro, neste artigo de El País.

En relación coa pregunta número 4, relativa ao sistema ou sistemas operativos que levará instalado por defecto o ordenador, estase xestando tamén unha gran polémica, porque esa non é unha decisión politicamente neutral e pode supoñer un gran despilfarro de recursos económicos. Porque pagar por un produto (licenzas de Microsoft) que dispón de alternativas que son libres, legais e gratuitas?

Ver noticia ampliada no diario Público

A Asociación Hispalinux considéraa a maior estafa dos últimos 30 anos.

Richard Stallman, a cabeza máis representativa do movemento do software libre e de GNU/Linux acusa directamente ao goberno de vender o futuro do país á Microsoft, empresa que domina o monopolio do software privativo (de pago). Stallman pregúntase: Por qué quere regalar Microsoft copias case gratuitas (do seu programa) a escolas e nenos? É como regalar drogas aditivas, xa que a primeira dose é gratis pero, despois de ser dependente, tes que pagar".
Ver noticia ampliada neste enlace do diario El País (son tamén moi interesantes os comentarios).
A mesma noticia neste enlace de Yahoo noticias.

Podemos ampliar máis información sobre o uso de software libre na entrada do blog CEIP A Rúa : Software libre nas escolas de primaria ou Windows?

Tamén merecen especial consideración os problemas de seguridade que presenta para os nosos nenos e nenas utilizar software privativo non legal, e por extensión aquel software privativo legal pero que non se actualiza diariamente con antivirus e programas de detección e eliminación de malwar. Ver na entrada do blog CEIP A Rúa Internet segura para nenos (II).

Facemos un chamamento ao profesorado e aos seus sindicatos, ás asociacións de pais e nais e aos demais axentes da comunidade educativa para que tomen postura neste asunto, que consideramos de vital importancia. A elección entre software libre ou software privativo nas escolas debe facerse de xeito argumentado e CONSCIENTE, como toda decisión que competa ao ámbito da educación dos nosos fillos. É demasiado arriscado deixala nas mans da fortuna.

O profesorado do ensino primario e secundario en Galicia está elaborando un documento consensuado contando coa colaboración dos grupos galegos de Software Libre, no que pode participar calquera persoa interesada na implantación efectiva e eficiente das TIC no ensino galego.

13/05/2009 09:19 Autor: xosevidal. #. Tema: Software libre. No hay comentarios. Comentar.

09/05/2009

Internet segura para nenos (II)

Hoxe estivo connosco no colexio unha persoa responsable da sección de delitos tecnolóxicos da Garda Civil de Pontevedra para conversar co alumnado de 5º e 6º cursos sobre os perigos dun uso inapropiado de internet.

Informounos moi especialmente dos seguintes asuntos:

1. O perigo que supoñen os virus no noso ordenador: pódennos roubar contrasinais, roubarnos os cartos, roubar información persoal do ordenador, ralentizar ou estropear o funcionamento do ordenador, terceiras persoas poden cometer delitos que despois se nos poden imputar a nós co risco de poder ir ao cárcere, etc.

2. Os perigos dos chats tipo "Messenger". Agregamos a persoas descoñecidas sen valorar o perigo que iso supón, pois esas persoas poden ter malas intencións e facernos dano. Poden obter de nós facilmente información íntima: datos persoais, direccións, números de teléfono, gustos, etc. para logo utilizalos na nosa contra.

Ofreceunos as seguintes recomendacións a seguir:

1. Para os virus: nunca utilizar software que non sexa legal, pois non se actualiza (por exemplo o sistema operativo windows ou microsoft office) e son unha fonte moi propicia para os virus informáticos. O máis recomendable é:

a) Borrar Microsoft Office (Word, Excel, Powerpoint...) do noso ordenador, se o temos como copia ilegal (lembrar que o prezo legal anda nun mínimo de 200 euros), e instalar no seu lugar Open Office, (pincha no enlace para descargar) unha suite ofimática con procesador de texto, folla de cálculo, presentacións, etc. de software libre, e polo tanto legal e gratuito, que se actualiza a miúdo.



b) Eliminar do ordenador o navegador de internet se o tedes ilegal (O máis extendido é Internet Explorer) e utilizar no seu lugar un navegador de software libre, legal e gratuíto, como por exemplo Mozilla Firefox.


c) Borrar o sistema operativo Windows, tamén no caso de telo ilegal, e instalar por exemplo unha distribución de GNU/Linux, sistema alternativo de software libre, e polo tanto legal e gratuíto, mantido pola comunidade do software libre e con actualizacións constantes. Unha das distribucións máis populares é a Ubuntu 9.04, que podedes descargar desde aquí.


Hoxe en día a utilización do sistema operativo e as aplicacións en software libre son ao menos tan sinxelas coma co sistema operativo Windows, e con entornos gráficos máis personalizables e tuneados máis vistosos (ideal para os nenos e rapaces).

Lembrar, non obstante, que o feito de ter software libre funcionando no equipo protexe contra os virus, pero non contra outro tipo de prácticas que son responsabilidade plena do usuario, como por exemplo ofrecer información persoal nas redes sociais, cousa que non se debe facer nunca.

Os pais e nais teñen un traballo inexcusable na educación e formación dos seus fillos no uso responsable de internet. Porque aquí só hai dous camiños posibles, que o usuario controle a máquina e o software a través do coñecemento, ou que sexa a máquina e o software o que controle ao usuario e o convirta na súa vítima. A sociedade das tecnoloxías da información e da comunicación está chamando ás nosas portas e os seus golpes son cada vez máis intensos, non nos queda outra que agarrar o touro polos cornos, e non podemos permitir que os nosos fillos saiban máis ca nós. Como mínimo teremos que aprender ao lado deles e guialos non só no camiño da técnica, senón e sobre todo no camiño da ética.

A Administración Educativa está incitando abertamente ao fraude e á piratería do software. Instala nos seus equipos software privativo da marca Microsoft, que abusa do seu monopolio no mercado e que ten un custo económico determinado para a Administración e tamén para os usuarios. Ao ser utilizado nas escolas condiciona que o alumnado e as súas familias utilicen nas súas casas o mesmo software, entre outras cousas por problemas de formatos. E as familias deben gastarse os cartos en mercar o software ou optar pola vía da ilegalidade e obtelo gratis no mercado negro. Xeralmente elixen esta segunda opción. E todo iso cando existen no mercado alternativas de software libre e gratuíto (como por exemplo GNU/Linux ou Open Office) plenamente válidas. Dominan os intereses dos monopolios de certas empresas sobre o ben común da sociedade.

Dese xeito os nosos nenos e nenas acaban converténdose en traballadores involuntarios de Microsoft, servindo á esta gran empresa, pois non é preciso recordar que gran parte do seu éxito radica no labor de formación que uns usuarios se dan a outros para aprender a manexar o software. De aí saca Microsoft gran parte da súa fortuna. E esta nube de traballadores tan sequera recibe un euro a cambio! Pola contra, aprenden a través do currículo oculto a desexar as marcas comerciais polo seu valor mediático, a aceptar o individualismo e a competición persoal como un ben social e, como mal menor, a converterse en piratas tecnolóxicos, en ilegais, é dicir, a estar fóra da lei.

Pola ética no ensino e para imaxinar unha sociedade solidaria, é preferible que os nosos nenos e nenas se sumen á comunidade do software libre, usando e distribuíndo o software, sen pedir un euro a cambio, e de xeito legal, libre e gratuíto. Aprenderán valores de colaboración, de compartir o coñecemento, de solidariedade, aprenderán máis a nivel técnico (podemos acceder ao código fonte dos programas) e estarán máis protexidos dos perigos da rede.

09/05/2009 04:48 Autor: xosevidal. #. Tema: Software libre. No hay comentarios. Comentar.

Compromiso democrático na defensa do software libre

Coñecemos ben os síntomas que causan os monopolios: debilidade democrática, dependencia tecnolóxica, corporativización dos procesos regulatorios, corrupción estrutural da Administración Pública. Levamos anos nese punto exacto.

Ante as eleccións ao Parlamento Europeo diversas asociacións de software libre, comprometidas na defensa das liberdades dixitais, queren situar no debate central da futura política de Estado, a necesidade de que as infraestruturas informáticas públicas se desenvolvan sobre software libre.

09/05/2009 02:36 Autor: xosevidal. #. Tema: Software libre. No hay comentarios. Comentar.

04/05/2009

Software libre nas escolas de primaria ou Windows?

Invitamos a participar aos pais e nais e ao profesorado nun debate de gran relevancia, dada a trascendencia que está a acadar o desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) nas escolas, a propósito dunha noticia que informa sobre a intención do goberno de Zapatero de regalar un portátil a cada alumno de primaria nos vindeiros anos, pero con software privativo instalado, da multinacional Microsoft, sen tan sequera terse sacado a concurso público. Tamén se informa nesta entrada do diario El País.

O debate está servido, con dúas opcións extremas:

1. Aceptar o software de Microsoft (Windows e Office), unha marca que ten o monopolio no sector, e que ten intereses empresariais concretos para incluso regalar o software se fose preciso (crear potenciais usuarios para o futuro, dependentes dos seus produtos)




2. Defender o uso exclusivo de software libre nas aulas (GNU/Linux, Firefox, OpenOffice...). Que o software sexa libre implica entre outras cousas que tamén é legal distribuír copias sen pagar licenzas e acceder ao código fonte dos programas. Para saber algo máis ver neste enlace de introdución ao software libre.


O software libre é unha especie de medicamento xenérico fronte ao de marca, se facemos unha analoxía coa industria farmacéutica. Para que imos pagar máis os usuarios por un produto que nos ofrece basicamente as mesmas prestacións?

No debate entran aspectos de puro utilitarismo técnico, económicos... pero tamén, e tal vez isto sexa o máis importante ao falar de educación, aspectos éticos e filosóficos... pois no fondo nas escolas estamos deseñando a sociedade do futuro.

Algunhas das razóns a favor do uso do software libre nas escolas:

  • por seguridade: ausencia de necesidade de antivirus, internet e conexións máis eficientes e seguras
  • por gratuidade e legalidade: miles de aplicacións gratuitas sen necesidade de piratear nada
  • por rendemento e ergonomía: capacidades multimedia maiores, estabilidade da execución dos programas e uptime do sistema
  • por localización: sistema e aplicacións traducidas nas linguas oficiais do país (case definitivo se é unha cuestión autonómica)

Ver máis razóns aquí:

Razóns para o uso do software libre na escola

Vídeo de Stallman sobre o mesmo tema

Hispalinux censura o custo económico e a dependencia tecnolóxica da "solución" Microsoft para a educación, publicado en GALPon.

Zapatero se equivoca, artigo de Jordi Adell
Software libre en educación infantil y primaria, de Jordi Adell (descargar en .zip)


Razóns a favor do software privativo (Microsoft Windows e Office):

  • Uso moi espallado do Windows: coñecémolo de sobra
  • A posible predilección dos nenos: para xogar usan básicamente Windows (aínda que o mini-portátil non iría cos xogos come-recursos)

Salvemos Microsoft, por Santiago Lamelo, na web da Federación Provincial de APAs da provincia de A Coruña.

Tamén podes seguir o debate aberto na rede social Internet en el Aula.

Máis debate en Zapatero se equivoca
Tamén en Twiter

 

04/05/2009 22:59 Autor: xosevidal. #. Tema: Software libre. No hay comentarios. Comentar.

29/04/2009

Carta aberta a quen me remite ficheiros en formato .doc

Envioume un arquivo en formato Microsoft Word, un formato privativo e secreto, polo que me é moi difícil de ler. Se me envía o mesmo en texto plano, HTML, PDF ou ODF lereino.

Recibir ficheiros adxuntos en formato Word non é recomendable dado que poderían carrexar algún tipo de virus (véxase http://en.wikipedia.org/wiki/Macro_virus). Enviar documentos de Word pode ser prexudicial debido a que normalmente inclúen información oculta acerca do autor, permitindo a aqueles que o saben espiar as actividades do autor (quizá vostede). O texto que creu borrar podería estar presente e porlle nunha situación embarazosa. Véxase http://news.bbc.co.uk/2/hi/technology/3154479.stm para máis información.

Pero sobre todo, enviar documentos de Word, insta as persoas a utilizar software de Microsoft e contribúe a negarlles calquera outra opción. En efecto, convértese nun alicerce para o monopolio que dita compañía trata de impor, e iso supón un gran obstáculo cara á adopción maioritaria do software libre. Por favor, podería usar outra forma de mandar a información en lugar de Microsoft Word?

Non sei se vostede é consciente da gravidade deste problema cando se utiliza por defecto no ámbito escolar. Condicionamos aos nenos e nenas e ás súas familias a utilizar software de marca, é só dunha determinada marca concreta, que ten un custo económico claro, cando existen outras alternativas no mercado de carácter libre e gratuito que cumpren sobradamente estas funcións. Vostede promociona diariamente dende a escola, por exemplo, que os seus alumnos e alumnas utilicen zapatillas exclusivamente da marca NIKE? Pois debería quedar igualmente de sorprendido se o que utiliza é formatos .doc (exclusivos de Microsoft Word).

Propollémoslle as seguintes recomendacións:

A) Se traballa con Microsoft  Word, utilice formatos alternativos a .doc cando garda un documento  e pensa remitirllo a outra persoa, como por exemplo:

1. PDF: ten como aspecto negativo que non se pode modificar facilmente; a vantaxe que se mantén o formato orixinal independentemente da aplicación coa que o abra. O seu sistema tamén podería ter un programa para converter devandito documento a formato pdf. Faga clic en «Arquivo => Imprimir». Busque entre as impresoras dispoñibles e seleccione o conversor a pdf. Faga clic no botón e introduza un nome para o novo ficheiro cando llo solicite.

2. HTML : pode abrirse tamén cos navegadores de internet. Converter o documento a formato HTML desde Word é bastante sinxelo. Abra devandito documento, faga clic no menú «Arquivo», despois en «Gardar Como», e, na opción «Gardar como tipo», na parte inferior da xanela, elixa «Documento HTML» ou «Páxina Web». Despois faga clic en «Gardar».

3. TXT  (Moi simple, pérdense os formatos, pero serve para unha nota tipo e-mail ou algo polo estilo)

B) Non utilizar Microsoft Word, senón un procesador de textos alternativo e con formatos abertos, como por exemplo OpenOffice. Esta aplicación pódese descargar gratuitamente desde internet e está en lingua galega. Entón o formato por defecto será .ODF (É o formato que utiliza OpenOffice).

Microsoft pode (tal e como recentemente ocorreu en Kenia e Brasil) facer que a policía local faga cumprir leis que prohiben aos estudantes inspeccionar código fonte, prohiben a emprendedores iniciar novas compañías e prohiben a profesionais ofrecer os seus servizos. Por favor, non lles dea o seu apoio.

Traducido dun artigo de R. Stallman

Ver tamén este outro artigo en .pdf, de 2 páxinas, con máis argumentos para non utilizar o formato .doc

29/04/2009 23:02 Autor: xosevidal. #. Tema: Software libre. No hay comentarios. Comentar.

25/04/2009

Video de Stallman para o FLISOL 2009

Dende o blog de PC TUX enlazamos un vídeo de Richard Stallman onde explica para que é e para que serve o software libre, cales son as liberdades que nos ofrece, e a importancia do seu uso para unha vida ética e en sociedade. Foi elaborado con motivo do FLISOL 2009 (Festival Latinoamericano de Instalación de Software Libre), e dura case media hora.


Video de Richard Stallman para el FLISOL 2009 from Sergio Vallejo on Vimeo

25/04/2009 10:29 Autor: xosevidal. #. Tema: Software libre. No hay comentarios. Comentar.