Blogia

Recursos educativos para mestres

Wiki de recursos educativos

 Un bo exemplo dun wiki onde se recompilan recursos educativos clasificados por etapas e áreas para infantil, primaria e secundaria.

Elaborado por Manuel Lopez, Coordinador TIC do CPR Barranco de Poqueira, en Granada.

Tamén é autor do blog "El mundillo de las TIC" 

Patapón: xogo para traballar o ritmo e a coordinación

No blog Educación Tecnológica atopo este excelente xogo para traballar o ritmo e a coordinación óculo-manual. O primeiro é ...practicar.

Humor TIC

No Recanto de Mik atopei este chiste que me fixo gracia:

"Un pequeno relato recollido en Tertulias Educativas pode levarnos á reflexión sobre a necesidade real de certos recursos. Venme agora á cabeza a pizarra dixital, tan de moda e pola que tod@s debecemos, eu a primeira. Ben é certo que ten dous grandes atractivos: o seu poder motivador para o alumnado e como aglutinador de recursos para o profesorado. Pero, pode sustituir os cadernos, lápices, pinturas e libros tal e como se pregona por certos lares?
Para pensar como usar na xusta medida os recursos, nas aptitudes dos docentes ou simplemente para rir un chisco:"
" Fai anos, un inspector visitou unha escola. No seu percorrido observou algo que lle chamou poderosamente a atención, unha mestra estaba atrincheirada detrás do seu escritorio, os alumnos facían gran desorde... o cadro era caótico.
Decidiu presentarse:
- Permiso, son o inspector de quenda, algún problema?
-Estou atafegada señor, non sei que facer con estes mozos... Non teño láminas, o Ministerio non me manda material didáctico, non teño nada novo que mostrarlles nin que dicirlles...
O inspector, que era un docente de alma, viu unha cortiza no desordenado escritorio. Tomouna e con apromo dirixiuse aos mozos:
- Que é isto?
- Unha cortiza señor... -gritaron os alumnos sorprendidos.
- Ben, de onde sae a cortiza?
- Da botella, señor..., colócaa unha máquina.., da sobreira..., dunha árbore..., da madeira..., - respondían animosos os nenos.
- E que se pode facer con madeira?, -continuaba entusiasta o docente.
- Cadeiras..., unha mesa..., un barco...
- Ben, temos un barco. Quen o debuxa? Quen fai un mapa no pizarrón e coloca o porto máis próximo para o noso barquiño? Escriban: A que provincia pertence? E cal é o outro porto máis próximo? A que país corresponde? Que poeta coñecen que alí naceu? Que produce esta rexión? Alguén recorda unha canción deste lugar? - E comezou unha tarefa de xeografía, de historia, de música, economía, literatura, relixión, etc.
A mestra quedou impresionada. Ao terminar a clase, díxolle conmovida:
- Señor, nunca esquecerei o que me ensinou hoxe. Moitas grazas!
Pasou o tempo. O inspector volveu á escola e buscou á mestra. Atopouna aniñada detrás do seu escritorio, os alumnos outra vez en total desorde...
- Señoriña... Que pasou? Non se acorda de min?
- Si señor, como esquecerme! Que sorte que regresou! é que... non atopo a cortiza. Onde a deixou?"

(Traducido con Opentrad)

"Pero o que case sempre ocurre é que o profesorado bota man do inxenio para lograr a atención dos alumnos (Imaxe vista en Mi nombre punto final )"

Magasix linux v2.2 no IES Xulián Magariños

Manuel González Regal, desde o IES Xulián Magariños, vén de anunciar a dispoñibilidade do MAGASIX Linux v2.2, completamente estable e funcional, en galego e optimizada coas aplicacións máis útiles para os centros educativos. Manuel xa levou máis dun premio e é un dos principais impulsores do software libre en Galicia. Unha razón de peso para probala.

Rede social "ágora rede" do profesorado galego

Dende de comezos de febreiro está funcionando esta rede do profesorado galego "aberta a todo o que aposte pola cultura do intercambio para a innovación e a mellora da práctica docente, polo traballo colaborativo coas TIC e polo labor de difusión de experiencias, materiais, ferramentas e recursos didácticos".
Xa somos máis de trinta. Ánímate a participar.

 

Rede social "Internet na aula"

Con motivo da celebración do  I Congreso Nacional "Internet en el Aula", José Luis Cabello creou unha rede social en Ning. Xa hai máis de 200 profesores inscritos nesta rede. Se aínda non o fixeches anímate e participa nesta experiencia.

Crecemento espectacular do software libre en Galicia

Esta evolución resulta realmente espectacular nalgúns eidos como é o caso da PEME galega, onde se duplica o uso do software libre ou o caso dos centros educativos onde subiu dun 20% a un 65% en apenas dous anos.

Ver noticia ampliada na web de mancomun.org 

Recursos TIC no CPI Don Aurelio

Alberto Armada, o coordinador TIC do CPI don Aurelio de Cuntis, ten recollida unha ampla recompilación de recursos TIC clasificados por áreas e tamén por etapas e ciclos educativos, de infantil, primaria e ESO.

Recursos para o 3º de ciclo de primaria clasificados por áreas.

Recursos para o 2º ciclo de primaria

Recursos para o 1º ciclo de primaria

Recursos para educación infantil.

Revista Saudiña nº 14

O Plan Valora quere potenciar a educación en valores democráticos, canalizada a través de diversos ámbitos de actuación como son : a educación para a igualdade de homes e mulleres; a convivencia, cidadanía e cultura de paz; a interculturalidade; o medio ambiente e desenvolvemento sostible; a educación viaria; o consumo responsable; o lecer; a saúde e o medio mariño.
Ven de publicarse o nº 14 da revista Saudiña , instrumento de difusión das experiencias que se levan a cabo, e que neste número dedica varios artigos ao tema da convivencia (resolución de conflitos, mediación entre iguais...)

A xordocegueira: unha historia de superación persoal

 
O periodista Juan José Millás achégase ás peripecias cotiás de Daniel Álvarez, xordo dende os 4 anos e cego dende os 30, e presidente da Asociación de Xordocegos de España.
Recollido por suxestión de Apoegal, na páxina de El País.com

Devolución do imposto Windows!


Esixe a devolución do imposto Windows en http://devolucion.org. Por cada ordenador que compramos obrígasenos sen elección a pagar un imposto privado: o chamado "imposto Windows", que inclúe todo ese software innecesario valorado entre 100 e 300 Euros que practicamente sempre nos cobran sen elección dentro de prezo do noso ordenador.

A posición dominante de Microsoft non segue o interese público. Limita o mercado e ten freado o desenvolvemento tecnolóxico en prexuizo dos consumidores. En Agnix.org

Casado con Windows: as dificultades para cumprir coa Lei. O caso de Paco Rivière, en elmundo.es Navegante
 
Estratexia TIC na educación galega, no blog de Roberto Brenlla, asennadas

XXIII Encontros de Educación para a paz

 

Programa dos XXIII ENCONTROS DE EDUCACION PARA A PAZ que sobre "Educación, democracia e laicidade" terán lugar na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en Santiago de Compostela, os días 6, 7 e 8 de Marzo.

    A matrícula pode realizarse directamente na web: www.sgep.org ou telefonicamente en 981- 561956
    A actividade está homologada polas Universidades de Vigo e de Santiago cun crédito de libre configuración, e pola Consellería de Educación en 16 horas formativas.
 

Non ao soporte a Windows!!

 Que pasaría se todos os que nos dedicamos á informática nos negáramos a darlle soporte aos Windows instalados que teñen: os nosos veciños, amigos, coñecidos, coñecidos de coñecidos…(e máis ós que son piratas)?

Windows non é fácil. Windows PARECE fácil porque os pringaos coma nós instalámoslles e configuramos todo. Facemos de soporte técnico de Microsoft. Fomentamos o seu uso. Fomentamos a piratería. Aínda que non o fagamos directamente, facémolo ao instalar un PC novo con Windows. Facémolo por instalar copias piratas de programa aos veciños cando nolo piden, ou por conseguirlles os programas que necesitan. Facémolo por dar consellos sobre Windows, ou por resolverlles problemas. Nós somos o “Windows é fácil”.
Noticia recollida en Sinergiatec Noticias

Entrevista a Miguel de Icaza (Software libre)

Video recollido no blog de Cesarius Revolutions, no cal Miguel de Icaza fala con propiedade acerca do proxecto Gnome, GNU/Linux e as súas vantaxes sobre Windows, pasando polo modelo de negocio primitivo de Microsoft e a irresponsabilidade dalgúns gobernos do Terceiro Mundo despilfarrando cartos por Sistemas Operativos Privativos tendo a opción de GNU/Linux diante dos seus fuciños.

8 de marzo: Día internacional da muller

Dende a Web de Norberto preséntase unha recompilación moi ampla de recursos variados para traballar nas aulas: unidades didácticas, fichas e outras propostas.


Para traballar con ilustracións e viñetas, no enlace de entretodas atopamos uns debuxos de Forges que poden vir ó caso:

E a parte, podemos atopar unhas notas de humor, no blog de aulablog21


 

Manifesto pola Laicidade do Estado

Dende a páxina web do Seminario Galego de Educación para a Paz, recollemos esta proposta para adherirse ao Manifesto pola Laicidade do Estado, promovido por 4 entidades: A Coordenadora de Crentes Galegos, Esculca, o Seminario Galego de Educación para a Paz e, Xustiza e Sociedade.

 


 

 ADESIÓNS INDIVIDUAIS OU DE ENTIDADES

se desexas aderirte, envíanos o Nome, Apelidos e DNI a paz@sgep.org

Descarga eiquí o manifesto

CEIP de Palmeira - Actividades do Rato Paco

Dende o CEIP de Palmeira, en Ribeira, o equipo de novas tecnoloxías, coordinado por Xosé Manuel Bouzán, pon á disposición da comunidade educativa as actividades do Rato Paco, realizadas coa aplicación Ardora creada por el mesmo.


Web da AS-PG

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega é un movemento de renovación pedagóxica pioneiro de Galiza e asociación sociocultural. Está integrada por máis de mil asociados e asociadas de todo o país, vencellados directa ou indirectamente cos ensinos Primario, Secundario e Universitario. Máis de trinta anos de actividade ininterrompida avalan a traxectoria da AS-PG.

Destacamos a súa sección de recursos, e o xogo Trivial GZ.


Web de Norberto

A web de Norberto Blanco Dorrío , creada xa no ano 2003, é unha das máis veteranas e representativas no campo do ensino en Galicia. Recompila unha serie de recursos útiles para a súa aplicación nos centros educativos de educación infantil e primaria, clasificándoos por temas e ciclos educativos. Asemade recolle unhas ligazóns de interese básico para os docentes galegos. Fundamental tela sempre a man, como unha páxina de inicio :-)


Software educativo en galego

Quixera destacar o traballo realizado por un grupo de profesores que compoñen o equipo de Edugaliza na promoción do software educativo en lingua galega: Antón Rodríguez, Xose Antón Vicente, Ester Vázquez, Felo Couto, Fran Macías, Luís Teira, Manolo Gesto, Manolo de Carnota, Manolo Veiga, Sabela Núñez, Suso Lojo e Suso Lorenzo.

Podemos ver algúns dos seus traballos, de utilidade na nosa práctica docente, na seguinte páxina:

 

Xosé Antón Vicente dirixe o blog "Ensino en galego"...

 

... e elaborou unha web onde recolle unha relación de todo o software educativo existente e traducido ao galego que pode ser utilizado na aula polos docentes. Este software pode utilizarse para que cada docente elabore os seus materiais específicos, pero tamén para compartir as actividades que xa foron elaboradas por outros compañeiros.

Software como LIM, Mapas, Formula20, Xogamos?, Ardora, Clic e JClic, Webquest, Loga ou Hot Potatoes. Podemos ver todo ao detalle no seguinte enlace: