Blogia
Recursos educativos para mestres

Por unha educación activa contra os conflitos armados


Se ben eu non son ningún profesional vencellado ó eido educativo ou pedagóxico, impulsado polos ecos da morte dunha soldado do exército español de orixe galega a comezos do presente ano en Afganistán, decido verter aquí unha opinión persoal sobre o importante papel, que ó meu xuízo, deben xogar as institucións educativas na formación dunha “cultura pacifista”.


Realmente o que me leva a escribir isto non foi a morte en si mesma desta rapaza, senón que foron unhas imaxes que apareceron ás poucas semanas duns nenos visitando un acuartelamento militar, o que verdadeiramente provocou que indignado reaccionara para comezar a darlle forma a este escrito, despois de levar varios días cun malestar interno motivado pola crenza de que nas guerras sempre morren os máis “pringaos”.


Primeiramente quero sinalar que opto por falar de “cultura pacifista”, e non de “cultura pola paz ou de paz”, xa que teño a sensación de que ultimamente o significado da palabra “paz” ven sendo un útil comodín do que se fai un uso tan fácil, que a miúdo perde o peso e a importancia vital que debería ter, ó dárselle un uso tan parcial e arbitrario por determinados axentes sociais (políticos, xornalistas..) que a empregan, a miúdo en beneficio propio. Así pois, eu prefiro empregar o termo “pacifista”, que ó meu entender implica unha posición máis activa, constante e comprometida.


Quede claro pois, que a miña postura é polo uso e revitalización do “pacifismo”, unha corrente ou movemento, que de xeito activo procura -entre outras cousas- anular determinadas políticas, grupos e institucións que manteñen e impulsan calquera tipo de violencia, incluíndo aquela sobre a que os estados exercen o seu monopolio e cualifican de lexítima.


Traballar por un mundo menos perigoso e tenso, implica ser serios e realistas, polo que pórse detrás dunha faixa na que pon “NO A LA GUERRA”, unha vez ó ano coincidindo co aniversario do estoupido da guerra na zona do Golfo Pérsico, non pasa de ser un xesto cómodo e facilón, pero carente do compromiso diario e criterios serios. Que conste que hai xente que nin iso fai...


Entendo por compromiso diario traballar a cotío na construción dos alicerces dun modelo de sociedade hostil ás armas; se atendemos os datos e cifras que as veces chegan ó conxunto da xente a través dos medios de comunicación, vemos como un importante continxente dos membros do exército español teñen a súa orixe nas comunidades autónomas menos desenvolvidas e onde menos libros se len por persoa ó ano (circunstancias que adoitan ir unidas: escaseza de recursos e educación precaria), lugares como: Extremadura, Galiza, Andalucía...


Non resulta tan doado, nembargantes, atopar ou dispor de información sobre o nivel cultural da tropa, pero lembro que a finais dos 90 ou no ano 2000, aproximadamente, tivo certa repercusión na prensa a maior “manga ancha” que se ía ter a hora de reclutar persoal militar profesional, no tocante a cuestións como a rebaixa que se facía no nivel cultural requirido para ingresar no exército, ante as dificultades que atopaba o ministerio de defensa para encher os cuarteis.


En relación a todo isto, non puiden evitar vencellar todos estes factores e detalles, coa información dada polos medios de masas cun toque case romántico ou épico a hora de tratar a morte desta soldado lucense. Un ton altamente emotivo, ausente totalmente no tratamento que adican ás máis que abundantes mortes de traballadores/as por accidentes laborais, cando é que son recollidas por ditos medios, case nunca por certo, en primeiras páxinas, nin con fotos do ministro do ramo acompañando a esas familias.


Era unha muller nova, cunha orixe humilde, -posiblemente cun nivel de estudos non superior a media-e que medrou no rural, segundo dixeron... Ese mesmo rural con non demasiadas perspectivas laborais reais, onde residen centos e miles de mozos/as cun perfil similar ó desta moza, que xunto á precariedade laboral e a ausencia de estudos fan que sexan candidatos ideais para un día destes ser reclutados para morrer en Afganistán, Irán...


Unha reflexión en “voz alta”: Hai algún pirómano que se opoña o lume? Ou en relación con isto: Hai algún exército a quen lle interese a paz? Aceptamos a premisa de que unha paz real implicaría a desaparición dos exércitos? E por continuar cun símil co que lamentablemente estamos acostumados a tratar ou ver cada verán: Se non hai cuadrillas de pirómanos en misión de extinción... como é que nos cremos que hai tropas en misión de paz!!??


No tocante á comunidade educativa, que é a quen especialmente me dirixo neste foro, gustaríame compartir con todas as persoas vencelladas dun xeito ou outro na educación dos nenos -penso firmemente que é algo que nos compete a todos/as-, pero moi especialmente ós directores dos centros, (xa que posiblemente sexan eles os que teñen a última decisión a hora de permitir “excursións” a instalacións e acuartelamentos militares, onde a través de visitas ilustrativas e guiadas adóitanse dar os primeiros pasos no adoutrinamento, xustificación e bendición da existencia da institución militar) o meu pesar e frustración coa naturalidade coa que as veces inconscientemente colaboramos con este tipo de organismos, que fan que me pregunte que sentido ten posteriormente adicar xornadas enteiras e miles de horas lectivas a falar da non violencia, da solidariedade, a debuxar pombas o día mundial da paz...


Se realmente queremos apostar por un mundo mellor, desmilitarizado, sen enfrontamentos bélicos, sen nenos soldados, nin mutilados de guerra, nin morbosos noticiarios que falen de matanzas e coches bomba... en vez da precariedade laboral, as dificultades do acceso a vivenda, o sida, ou dos nosos maiores... hai que posicionarse claramente a prol dun pacifismo activo e hostil a aqueles instrumentos e institucións que a base de meter medo a xente, xustifican por estes medios a súa existencia: “ non tema eu protéxoo, vostede limítese a pagar os impostos, que logo a min xa me pagan...” A insubmisión fiscal, sería outro interesante asunto a tratar, pero esa é outra “batalla”, e nunca mellor dito...


Exércitos? Si, pero de mestres, médicos, educadores, de persoas comprometidas co medio ambiente... Que non nos metan tanto medo, os seus contos de que veñen por nós sempre son os mesmos, de que hai que armarse, atacar antes de ser atacados, de que teñen armas de destrución masiva (onde?)... é agora o mundo máis seguro que fai 10 anos? Eu creo que realmente ó que teñen medo é ó paro, a perder o seu “status de vella estirpe guerreira”, a perder eses postos de traballo sacados da manga co conto de que vén o lobo... que cambien de discurso... hai que reciclar a esta xente... ese valor, esa intelixencia(?)militar -quen dixo que eran dous termos contraditorios... Groucho? “Marxista” tiña que ser-, esa disciplina... sería tan útil para apagar lumes...


Porque a ningún exército lle interesa a paz... exércitos: ABOLICIÓN!!


cenlumes

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres
¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres

1 comentario

PAZ MIRANDA MIRANDA -

CADA UNO CUENTA LA FERIA SEGUN LE VA EN ELLA.LOS POLITICOS SON UN MAL MENOR QUE HACE LO QUE PUEDE CON NUESTRO DINERO.
¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres